Así plaxian os universitarios galegos

Internet impulsa o "copia e pega" nos traballos dos estudantes.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 17/04/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Que profesor de universidade non se atopou algunha vez cun plaxio nos traballos entregados polos seus alumnos? Parágrafos copiados sen citar as fontes, citas de autores que se apropia o estudante, ideas roubadas doutros... Segundo o Dicionario da Real Academia Galega, un plaxio é a “apropiación fraudulenta dunha obra allea, normalmente artística ou literaria”. No eido da educación, a incorporación de Internet e das novas tecnoloxías da información e da comunicación supuxo un avance no acceso ao coñecemento e a información, e nas metodoloxías de ensinanza empregadas, pero tamén é un desafío para os profesores polos plaxios que se cometen de infinidade de contidos accesibles na Rede.

Exame nunha aula universitaria durante a pandemia de covid-19
Exame nunha aula universitaria durante a pandemia de covid-19 | Fonte: Europa Press.

Plaxian os universitarios galegos? Son deshonestos? Si, pero unha minoría. E destes, maiormente en formato electrónico que en papel. Así o constata unha nova achega do proxecto de investigación “Estudo sobre o plaxio en estudantes do Sistema Universitario de Galicia”, dirixido polo catedrático Jesús Miguel Muñoz Cantero, do Grupo de Investigación en Avaliación e Calidade Educativa da Universidade da Coruña.

“Os resultados deste estudo mostran a tendencia xeral do alumnado universitario a valorar de forma negativa o acto de cometer plaxio independentemente do soporte que se empregase” (papel ou electrónico), destacan os responsables do estudo.

A nova contribución, ‘Ciberplagio como soporte digital en la realización de trabajos académicos’, apunta a que “o uso máis habitual da internet na elaboración de traballos académicos” entre os universitarios de Galicia “asóciase á copia de fragmentos de textos de carácter electrónico”, tomados de páxinas web.

No estudo atopáronse “diferenzas estatisticamente significativas” entre os plaxiadores cando se entregan traballos impresos ou dixitais. En concreto, “o alumnado que emprega o soporte electrónico sinala copiar de páxinas web fragmentos de texto sen citalos para incorporalos aos seus traballos, en maior medida que o resto”, comentan. Mentres que “o alumnado que emprega soporte papel é o que manifesta entregar como propio algún traballo completo descargado da internet, sen modifícalo”, aínda que son menos os casos que nos traballos académicos electrónicos.

Talvez esa propensión a copiar en papel traballos completos de Internet se deba ao feito de que, a priori, non son cotexables mediante o uso de ferramentas avanzadas deseñadas para a identificación de plaxios e que se popularizaron nas universidades nos últimos anos, coas que os profesores poden comparar os textos entregados con enormes bases de datos.

Os programas antiplaxio son ferramentas destinadas a facilitar a detección e prevención do coñecido como “copia e pega”. Para iso, contrastan un documento con diferentes bases de datos (Internet, bases de datos da propia universidade e doutras insitucións académicas, etc.) en busca de coincidencias e xeran un informe coa porcentaxe de similitudes, permitindo de forma sinxela comparar o documento enviado coa posible fonte de plaxio. Isto non é doado facelo cun traballo entregado en papel, agás que se saiba e se poida escanear e dixitalizar mediante programas de recoñecemento de texto (OCR), e se dispoña de tempo para isto (OCR –Optical Character Recognition– é un sistema  computarizado de análise que permite escanear un documento de texto nun ficheiro automatizado electronicamente, que se pode editar cun procesador de textos no computador).

Sabedores de que as universidades implementaron sistemas antiplaxio, a copia de pequenos fragmentos (frases, pequenos parágrafos...) espallados polos textos en documentos electrónicos semella o atallo que atopan algúns estudantes para tentar coar os seus plaxios.

Os investigadores comprobaron que “o alumnado universitario emprega, de forma maioritaria, o formato electrónico para realizar os seus traballos académicos”. Detalladamente, a gran maioría dos estudantes utiliza o soporte electrónico (91,2 %) e só un 8,8% utiliza como soporte principal o papel, segundo os datos aportados polos expertos. Isto explica tamén por que hai menos plaxios en papel que en documentos dixitais.

POR QUE PLAXIAN?

As razóns para plaxiar son variadas. Os investigadores identificaron o “volume de traballo solicitado polos profesores” e a “escaseza de tempo para poder efectualo” como as principais causas argüídas polos estudantes do Sistema Universitario de Galicia.

Isto, din, “leva a pensar que pode haber outras causas relacionadas cos valores éticos ou a propia honestidade académica”, como “a necesidade de formar o alumnado en competencias dixitais e informacionais, pero tamén na interiorización e aplicación dun código ético no día a día”. Con todo, salientan que o alumnado tamén sinala a “facilidade e comodidade do acceso á información a través de Internet” como escusa para tomar fragmentos de páxinas web sen citar nin referenciar.

E aínda que os plaxiadores non son maioría, os investigadores ven un problema ético e, podemos dicir que cultural, xa que “o alumnado que emprega o formato electrónico considera que a comisión de plaxio é un atallo aceptado por todos e que é máis doado e cómodo acceder a material vía Internet para a elaboración dos seus traballos académicos”, explican.

Segundo estes expertos, “existe unha excesiva dependencia de Internet, sendo utilizada como unha fin en si mesma, o que dá lugar á comisión do ciberplaxio”.

Polo tanto, para estes investigadores, pódese asumir a hipótese de que “as tecnoloxías da información e a comunicación fomentaron a expansión do plaxio dixital fronte ao plaxio baseado na letra impresa”.

Para os autores, o seu estudo supón “poñer en valor a importancia da honestidade e integridade académica nos traballos do alumnado universitario, así como un avance para identificar o fenómeno do ciberplaxio”.

Para a investigación foron enquisados 8.943 estudiantes das tres universidades galegas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta