Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 16/04/2021 | Actualizada ás 11:40
Os concellos e o catro deputacións galegas contan "cunha excelente saúde financeira", o que lles permite ter "un papel moi significativo" ante a situación económica e social que provoca a pandemia da covid-19.
Así o constata un estudo elaborado pola Rede Localis, entidade xestionada polo grupo de investigación GES --Governance and Economics Research Network-- da Universidade de Vigo (UVigo), que afirma que as entidades locais de Galicia gozan por tanto de "capacidade económico-financeira" para afrontar gastos que requiren o panorama actual.
Trátase do 16º informe do Observatorio Municipal Galego, a través do cal os expertos destacan que os concellos, especialmente os das sete cidades, "están chamados a desempeñar un importante papel complementario" xunto co Estado e as comunidades para relanzar a actividade económica, á parte de ser as institucións "máis próximas" aos cidadáns.
De feito, subliñan os expertos, esta "excelente saúde financeira" dos gobernos municipais e provinciais de Galicia é "algo que non se observa ao analizar as contas do resto de administracións públicas".
MEDIDAS FISCAIS E AXUDAS DIRECTAS
Tanto ao longo do 2020 como ao comezo deste 2021, os concellos optaron non tanto por axudas directas senón por "medidas fiscais" para facer fronte á crise económica.
Principalmente, afirma o estudo, están baseadas na ampliación dos prazos para o pago de impostos e taxas, así como na introdución de exencións en tributos con maior repercusión no comercio, a hostalaría e no turismo, actividades máis castigadas pola covid.
Neste contexto, a Rede Localis suxire que, na liña marcada polo Ministerio de Facenda, a suspensión das regras fiscais amplíese ata o ano 2022. O grupo da UVigo tamén recomenda que as axudas de tipo tributario, aínda que son "necesarias", deben ser "conxunturais e complementarias" con outras vías como a redución de trámites administrativos.
POR CIDADES
Por cidades, o estudo indica que os concellos de Ourense, Vigo e Pontevedra foron "os que menos rebaixas fiscais aplicaron" para combater os efectos da covid tanto en 2020 como en 2021. Pola contra, Santiago, A Coruña e Ferrol son as que máis apostaron por esta vía. En canto ás axudas directas, os que avogaron máis por esta solución foron Pontevedra, Santiago, Lugo e Ourense.
Pola súa banda, as deputacións optaron nunha maior medida por enfrontar a crise a través de axudas directas dado que non poden aplicar impostos, que son "unha importante vía de financiamento".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.