Por Europa Press / Redacción | Ourense | 16/04/2021 | Actualizada ás 13:45
O concello de Cualedro (Ourense) sumarase, a partir do próximo luns 19, ao grupo de municipios con restricións máximas, no que permanecerán tamén O Grove, A Pobra do Caramiñal e Carballeda de Valdeorras. Así, este catro municipios seguirán co peche perimetral e a hostalaría só poderá abrir con servizo a domicilio e para levar.
Así o decidiu o subcomité clínico na reunión deste venres, na que se analizaron os últimos datos da evolución da pandemia por coronavirus e que levou a cabo tamén a revisión dos niveis para o resto de municipios galegos.
Á marxe deste grupo, determinouse o nivel alto de restricións para nove concellos: Cortegada, O Barco, Padrenda, Rubiá, Lobeira, Barreiros, Boimorto, Boiro e Cambre. Nestes municipios están pechados os interiores da hostalaría.
No nivel medio sitúanse O Irixo, A Pobra do Brollón, Meira, Trabada, Ribeira, Carral, Muxía, As Pontes, Ortigueira, Cambados, Catoira, Cangas, Marín, Meis, Gondomar, Vilanova, Vilaboa, Soutomaior, Sanxenxo, Ribadumia, Meaño, As Neves, A Illa de Arousa e Vilagarcía. Neste grupo de municipios a hostalaría pode servir en terrazas ao 50 por cento da súa capacidade e no interior, ao 30 por cento.
No resto de concellos galegos, estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo, que principalmente afecta os aforamentos da hostalaría (50 por cento en interior e 75 por cento as terrazas).
CARRAL, A ILLA E MONTERREI MELLORAN
Unha das principais novidades son para Carral e A Illa de Arousa, que melloran e agora poderán reabrir os interiores da hostalaría, ao pasar de nivel alto de restricións ao nivel medio. Pola súa banda, Monterrei pasa de nivel de restricións alto a nivel medio baixo, co que tamén poderá reabrir e co máximo aforamento permitido en Galicia neste momento.
Pola súa banda, pasan a ter nivel alto de restricións o concello de Cambre, que este fin semana aínda estarán en situación media, polo que a partir de luns terán máis limitacións, especialmente, nos aforamentos da hostalaría. Tamén empeoran os municipios das Pontes, Cambados, Catoira e Cangas, que pasa de nivel medio baixo a nivel medio de restricións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.