"É inxusto e nocivo para Galicia que se alarme sobre a seguridade de consumir moluscos"

O Intecmar nega risco de contaxio tras detectarse restos do coronavirus en ameixas. A Xunta chama á tranquilidade polos controis que se realizan.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/04/2021 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

A Xunta, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), recalca o "risco nulo de contaxio" de covid-19 que leva o consumo de moluscos, tras o achado de restos do virus SARS-CoV-2 en especies do ecosistema costeiro de Galicia.

Marisqueo de ameixas
Marisqueo de ameixas | Fonte: Europa Press

En concreto, trátase do resultado dun estudo desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e por integrantes da Cofraría de Pescadores de Miño, que detectou indicios de material xenético do coronavirus tras analizar, entre maio e xullo de 2020, unha ducia de mostras de sedimentos e outra ducia de mostras de ameixa en dous estuarios galegos.

Tras a presentación desta investigación no 2º Congreso Nacional do Coronavirus desta semana, o Intecmar, dependente da Consellería do Mar, cualifica de "inxusto e nocivo para Galicia que se alarme sobre a seguridade" de consumir moluscos, aínda que precisou que esta presenza de restos do virus ten "un risco nulo de contaxio".

Ademais, explica que os moluscos, ao ser especies filtradoras "susceptibles de acumular substancias ou patóxenos presentes na auga", contan cun "control" imposto pola lexislación "para garantir esa seguridade".

Neste contexto, a Consellería do Mar defende que o Intecmar "cumpre estritamente" coas directrices da Unión Europea neste control de zonas de produción, que son "intensivos" e cun sistema de clasificación microbiológica que "cumpre con todas as garantías". "O Intecmar é un dos mellores centros de control de Europa", subliña.

Por todo iso, a Xunta chama á tranquilidade e lembra que o marisco adquirido por canles legais de comercialización "está avalado por eses estritos e rigorosos controis", que fan que os produtos cheguen ao consumidor "con todas as garantías hixiénico-sanitarias".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sined

Bueno, non viña mal que a nova amplíase informando sobre as calidades das augas dos estuarios, a cantidade de regatos que levan augas fecais directas ao mar, a calidade das augas para o baño. Moito Galiza verde, pero a xestión das augas en moitos concellos e nula, xa sabemos que os moluscos logo pasan por un proceso de depuración, pero tamén é certo que hai moitos exemplos de estuarios productivos onde desembocan regos non tratados, todos coñecemos. Por decir un de tantos, o regato de Serres que desemboca na ría de Muros. Eso salta á vista e ao cheiro. Así que o sector terá que deixar de defenderse e facer unha "depuración" de responsabilidades.