Por Galicia Confidencial | Touro | 21/04/2021 | Actualizada ás 22:35
Ecoloxistas en Acción alerta da grave situación que están a sufrir a veciñanza das parroquias que están ao carón do vertedoiro das canterias abandonadas de Touro. Unha denuncia que xa fixeron desde a asociación veciñal de afectados contra o propio concello polas continuas emanacións de metano e amoniaco procedentes das verteduras de lodos.
"A pesar das mútiples denuncias interpostas pola asociación de afectados nin os departamentos da Xunta competentes nin o Concello de Touro mediaron para remediar esta grave situación de contaminación atmosférica causada polas verteduras de lodos e outros produtos nas canteiras abandonadas", din os ecoloxistas nun comunicado.
Por iso, instán á Consellería de Medio Ambiente a adoptar medidas para controlar e remediar a contaminación atmosférica que denuncia a veciñanza de Touro. "Segundo denuncia a propia veciñanza os cheiros son tan fortes que producen mareos, falla respiratoria e incluso desfalecementos", din, "e non pode facer vida normal, xa que teñen que refuxiarse nas súas casas cando se produce un episodio de emanacións e deixar abandonadas as labores agrícolas".
Ecoloxistas en Acción lembra que o vapor de amoníaco é altamente tóxico e nocivo para a saúde, sendo severamente irritante aos ollos e o tracto respiratorio e podendo causar queimaduras e ceguera temporal. Altas concentracións de NH3 poden causar falla respiratoria e a morte. Tamén indican que non menos grave é a intoxicación por metano, este gas asfixiante pode provocar a perda de consciencia e a morte por insuficiencia cardiovascular.
A organización ecoloxista tamén demanda a Augas de Galicia a que realice controis para coñecer o alcance da contaminación causada polas vertedura nos regatos da zona e no humidais que están ao carón do vertedoiro. Ademais reclaman a Dirección Xeral de Enerxía e Minas a asegurarse da conveniencia dos residuos que están a verterse para restaurar o espazo da canteira.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.