Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 20/10/2013
Niso son eficaces pero incluso non o sendo tanto, gañarían igual. É a súa especialidade: vencer sen merecelo, mesmo desmerecéndoo completamente. Abonda con repasar a súa folla de servizos ao País para identificar esa fenda enorme entre méritos e resultados. Pero gañarán; así como volverán vencer os alcaldes de Beade e Baralla, o tándem Feijóo – Rueda gañará novamente.
De onde tiro eu tan contundente prognóstico? Do estado da oposición. A única alternativa é a alternativa de todos. O cal resulta tamén o principal atranco. Presentar como unitario un posible goberno de distintas partes. Sendo ese o requisito, necesario inda que non suficiente, a oposición habería observalo na súa actitude, no seu xeito de facer política. E xa vemos que a cousa vai precisamente na dirección contraria.
O PSdeG acaba de nomear o seu secretario xeral en un proceso democrático e transparente. Gómez Besteiro alcanza tan privilexiada posición sobre a promesa de galeguizar o partido, de adoptar unha liña na cal Galicia sexa a premisa prioritaria. Porén, o seu galeguismo renovador axiña queda en evidencia co primeiro nomeamento, que implica tamén a súa primeira cesión a Ferraz case sen tempo para estrear a cadeira.
Pairaba sobre el a ameaza dunha retorta campaña de benvida dende o PP pero non fixo falta. Os partidos que supostamente haberían ser os seus socios nun posible goberno galego, xa se encargaron de descualificalo ben descualificado. A xenreira empregada nalgún dos artigos escritos contra Besteiro dende as filas dos seus potenciais compañeiros necesarios son unha incuestionable declaración de intencións.
Entre as forzas nacionalistas, a tensión aléntase en cada manifestación. Os uns aventurando o esvaecemento dos outros na brétema dos iluminados; os outros postulándose ante os uns coma os únicos autenticamente nacionalistas e de esquerdas. Estes e os comprometidos, acusando a aqueles de asociarse con forzas españolistas que, sendo obxectivos, son quen máis asisados se comportan quizais porque sexan os que máis poden gañar entre tanto rebumbio. Finalmente, quen afirma representar o galeguismo socialdemócrata, capaz de discutir votos co PP, actúa como nacionalista de esquerda co cal discutirá papeletas con todos menos co PP, precisamente.
En resumo, non fagades máis cábalas, tanto ten o emprego, o naval, os lumes, a educación, a cultura, as pensións, o autogoberno ou a innovación. O próximo goberno será coma este: monocolor.