O perigo das redes sociais: o 90% dos nenos de 12 anos están presentes nelas

O profesor de psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Rial Boubeta, alerta de que un inicio temperá duplica as taxa de posible adicción e de conductas de risco.

Por Patricia Otero | Santiago de Compostela | 16/05/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Cada vez os nenos teñen acceso ás tecnoloxías a unha idade máis nova, o que pode causar efectos na súa conducta a longo prazo. O profesor de psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Rial Boubeta, recalca a necesidade de controlar o uso que os fillos fan dos dispositivos electrónicos e de tomar medidas en canto se observa o mínimo indicio de adicción.

Nena xogando cunha tableta - El País
Nena xogando cunha tableta - El País

Hai unha presencia masiva e globalizada de rapaces pequenos en redes sociais. A pesar de que a normativa europea di que para poder facer unha conta nunha rede social é necesario ter unha idade mínima de 14 anos, o 90% dos nenos de 12 anos está rexistrado nunha e máis do 60% está presente en tres ou máis redes. “Iso ten un impacto. Non é o mesmo o grao de maduración e a capacidade de resolver e afrontar o que lle pode estar pasando con 11 anos que con 15”, comenta Rial Boubeta.

As redes sociais e os videoxogos están pensados para enganchar e conseguir seguidores. De feito, “un inicio temperá implica duplicar a taxa de posible adicción e conductas de risco como sexting, contacto con descoñecidos ou apostas”, alerta Rial Boubeta. Ante isto, pide que os pais sexan conscientes dos riscos e engade que é necesario que eduquen e acompañen aos seus fillos. “Teñen que preocuparse porque o fillo vai vivir experiencias que supoñen un risco para el e non vai estar preparado para poder responder”, comenta.

Porén, tamén pon de manifesto que non se lle pode prohibir que estean presentes nas redes sociais. Pero hai que implicarse e non deixar que o neno poida acceder a todo tipo de contidos sen ningún control.

FILTROS, INFLUENCERS E AUTOESTIMA

A autoestima é un elemento fundamental na vida de calquera persoa, pero é importante que esta se nutra de diversas fontes. O problema é que na adolescencia está moi asociada ás redes sociais. Rial Boubeta destaca que é necesario que os pais lle ofrezan aos fillos diferentes fontes emocionais que lle axuden a desenvolver un crecemento persoal e de autoestima saudable. “Se a autoestima é nesgada e depende dunha única fonte, que ten que ver cos modelos que ten nas redes sociais, hai un risco”, alerta Rial Boubeta.

Cada vez temos a adolescentes que son máis vulnerables emocionalmente e máis sensibles ao feedback que reciben das redes. Necesitan dese feedback para nutrir a súa autoestima e de sentirse alguén. O que fai que se sobreexpoñan a elas para buscar a aceptación.

A PANDEMIA AGRAVA OS PROBLEMAS PSICOLÓXICOS

As restricións e a falta de contacto e interacción social debido á Covid-19 afectou de xeito negativo na saúde mental das persoas. De todas formas, na etapa da vida onde se necesita unha maior comunicación social, vital para o desenvolvemento persoal, é na adolescencia. “Un adulto xa ten a personalidade constituída pero con 15 anos hai unha necesidade de interacción social. Ademais ten un efecto socializador, educador e formador da propia identidade social”, comenta Rial Boubeta.

Isto ten un impacto no desenvolvemento destes rapaces, que se pode traducir en frustración, ansiedade e baleiro existencial, porque a necesidade de buscar sensacións e vivir non se pode facer. Tamén hai moitos problemas de convivencia e de conflitividade nas familias con adolescentes. A necesidade de buscar saídas fai que os rapaces caian en adiccións. “O consumo de tabaco, alcol e cannabis está repuntando. Tamén o uso intensivo e abusivo das tecnoloxías”, expón Rial Boubeta.

Ante isto, na actualidade hai unha gran demanda asistencial e de atención psicolóxica. De feito, dende a Universidade de Santiago de Compostela acaban de poñer en marcha unha Unidade de Atención Psicolóxica para o alumnado, con actuacións dirixidas a paliar os efectos da pandemia. O seu obxectivo é prestar apoio ao alumnado e promover accións de prevención e detención de factores que, asociados ao impacto da Covid-19, poidan influír de xeito negativo na saúde mental dos universitarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta