A CIG pide o cambio do nome do CEIP Eugenio López de Cee por "franquista"

Di que se trata de cumprir coa Lei de Memoria Histórica.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2021 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

A federación de educación da Conferencia Intersindical Galega (CIG-Ensino) iniciou unha campaña para cambiar os nomes daqueles centros públicos que fagan referencia a personalidades franquistas e céntrase agora no caso do CEIP Eugenio López da comarca coruñesa de Cee, despois da modificación do Salvador Moreno en Pontevedra anunciada xa por Defensa.

Nun comunicado, CIG-Ensino sinala que xa interpelou á Xunta de Galicia, á Deputación da Coruña e a diferentes concellos con colexios con nomes franquistas ou con distincións honoríficas para que se cumpra estritamente a lei e as diferentes resolucións relacionadas coa Lei de Memoria Histórica".

O sindicato lembra que existe un "pronunciamento unánime" do Goberno galego en 2016 para "eliminar os símbolos, as denominacións e as referencias franquistas de rúas e edificios públicos".

O secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, declarou a Europa Press que estas peticións de cambio de nome fanse para "non seguir dando un lugar visible na historia a persoas politicamente moi implicadas co franquismo".

DOCE CENTROS

A sección de educación do sindicato ten localizada, aproximadamente, unha ducia de centros educativos con nomes franquistas. Aínda así, desde a CIG son conscientes de que pode haber bastantes máis. Suso Bermello achaca este descoñecemento a "a falta de referencias documentais de personaxes locais que xogaron un papel menor durante o franquismo", pero que formaron parte da ditadura.

Dos colexios que si foron localizados, hai centros como o CEIP Salgado Torres, o CEIP Sal Lence e o CEIP Sanjurjo de Carricarte, que dependen do Concello da Coruña; o IES Puga Ramón e o Fogar Infantil Emilio Romay, da Deputación da Coruña; ou o CEIP Barrié de la Maza, controlada polo Concello de Sada.

CEIP Eugenio López en Cee. FONTE: CEE.GAL
CEIP Eugenio López en Cee. FONTE: CEE.GAL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta