Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2021 | Actualizada ás 22:45
Os pasos adiante do PPdeG para impulsar a primeira universidade privada galega veñen acompañados de polémica e cun rexeitamento de parte da sociedade que dá para pensar en máis mobilizacións a futuro. A derradeira aconteceu na xornada do pasado martes ás portas do propio parlamento, onde varios sindicados agrupados na Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública se concentraron para expresar o seu ‘non’ á toma en consideración do proxecto de lei que, agás sorpresa, será aprobado en solitario polo PP.
A normativa abrirá a porta á creación da que sería a primeira universidade privada en Galicia, posibilidade que xa foi rexeitada polo secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello. “O Partido Popular vai agasallar ao señor Escotet e a súa camarilla cunha universidade privada. A primeira universidade privada do país, despois de regalarlle o aforro do pobo galego”, sentenciou.
Ante estas circunstancias, os temores da Plataforma sitúanse no potencial “segregador” que esta institución privada --que cualifican de “impresentábel” e “improcedente”-- podería chegar a ter. A ollos da CIG, un dos sindicatos que integra a Plataforma, a lei do PP daralle ao banco “a posibilidade de enriquecerse e de segregar a parte do alumnado da universidade pública, nomeadamente a aquel que teña máis recursos”.
Por riba, subliñan que o proxecto vai “en contra da propia lei do sistema universitario galego” porque a súa oferta será “redundante e coincidente” coa das institucións públicas. Por iso Bermello subliñou que este proxecto “do gran capital galego” supoñerá “un torpedo na liña de flotación do sistema universitario público”
PROBLEMAS DE FINANCIAMENTO
Neste sentido, o Secretario Xeral de CIG-Ensino e voceiro da plataforma afirmou que cabe a posibilidade dunha “fuxida do capital privado” da universidade pública á privada. Dende a introdución do Plan Bolonia, a universidade pública depende particularmente da viabilidade mercantil dos seus grupos de investigación, algo que agora se podería poñer máis costa arriba pola competencia das privadas. “Un problema de financiamento que se agravará ademais coa perda de alumnado”, engaden dende a CIG.
Bermello augurou ademais que esta universidade buscará atraer a alumnado con alto poder adquisitivo, procedente de familias acomodadas, ou a aquel de familias que decidan endebedarse porque non dan entrado na universidade pública. Alumnado ao que se lle proporcionará un título introducindo, de paso, “o modelo americano de endebedamento para que acaben pagando durante moitos anos a súa carreira” porque, explicou, “falamos de que a diferenza de prezos é exponencial, de até 5 veces máis, chegando aos 17.000 euros nos catro anos de carreira”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.