A CEMMA denunciará o acoso de motos de auga e bañistas ao arroaz Confi ante a Garda Civil

Unha muller tivo que ser atendida no centro de saúde esta fin de semana. A CEMMA pedirá o peche de praias se continúa o acoso ao animal.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 31/05/2021 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Unha muller tivo que ser atendida nun centro de saúde esta fin de semana tras ser atacada por  Confi, ou Manoliño, o arroaz cuxa historia xa contou Galicia Confidencial. Un comportamento que non é normal pero que ten a súa orixe no acoso que o animal está sufrindo nos últimos días por parte de curiosos e bañistas, especialmente, por aqueles que se achegan a el con motos acuáticas.

Motos de auga acosan ao arroaz Confi
Motos de auga acosan ao arroaz Confi | Fonte: FB

A situación provocou que a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) anuncie a presentación de denuncias ante a Garda Civil para tentar protexer a este arroaz que sempre se amosou pacífico pero que, nos últimos tempos, e tras o acoso da xente, está comezando a modificar o seu comportamento.

"Recoméndase a máxima tranquilidade para o cetáceo", apunta Alfredo López da CEMMA. "Por moi solitario que estea o arroaz temos que lembrar que é un animal salvaxe, ao que temos que respectar e darlle a máxima tranquilidade posible", lembra. Así, destaca que, aínda que acompañe a unha embarcación ou se achegue a unha praia, hai que manter unha distancia prudencial necesaria para a seguridade del e das persoas. 

A CEMMA lembra que non hai que ofrecerlle nunca comida, nin aproximarse a el intencionadamente ou tentar tocalo e respectar a súa área restrinxida de descanso no Porto de Portosín. Se hai un comportamento incómodo pola súa parte, hai que "saír inmediatamente da auga e afastarse do seu contacto". No caso das embarcacións, evitar perseguilo e non cambiar de dirección ou velocidade de xeito brusco.

MULTAS E PECHE DE PRAIA

Por iso, anuncia que levará á GardaCivil os acosos recibidos por Confi e destaca as multas de ata 60.000 euros ás que se enfrontan os "incautos" que se bañen ou mergullen nas instalacións portuarias ou causen molestias ou persigan a cetáceos. "Neste momento xa pasou a hora de condescendecia polo que tramitaremos as denuncias das molestias á Guardia Civil", advirte Alfredo López, "xa que xa hai persoas feridas".

Ademais, se continúa o acoso ao animal pedirán que se peche a praia de Ornanda ou aquelas nas que entre o arroaz. "A seguridade dos bañistas ten que ser o principal obxectivo e a xente non é consciente do risco que corre", asegura.

Por outra banda, a Confraría de Pescadores de Noia pedirá unha xuntanza co Servizo de Marisqueo e o Servizo de Conservación da Xunta para avaliar os plans de xestión da navalla ante a presenza deste arroaz nas augas da ría.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta