"Todos, todas ou todes"?.... A linguaxe inclusiva, un paso necesario para conseguir a igualdade da muller

Especialistas no uso da lingua apuntan posibles solucións. Para Manuel Bermúdez Blanco, a sociedade está experimentando un cambio que tamén se ve reflectido no idioma. Henrique Monteagudo destaca que a cuestión non radica no recoñecemento do problema, senón nas solucións que se dan.

Por Patricia Otero | Santiago de Compostela | 10/06/2021 | Actualizada ás 14:22

Comparte esta noticia

O polémico discurso da ministra de igualdade, Irene Montero, onde empregaba termos como “niñe”, “hije” ou “todes” para mostrar o seu posicionamento a favor da linguaxe inclusiva e a prohibición do Goberno francés de usar ese tipo de linguaxe nas escolas porque “constitúe un obstáculo para a lectura e a comprensión” volveu a avivar a polémica sobre o emprego da linguaxe inclusiva.

Imaxe recurso linguaxe inclusiva - aptus.com
Imaxe recurso linguaxe inclusiva - aptus.com

Esta é unha proposta que o que busca é eliminar o machismo da linguaxe, pero a iniciativa conta con tantos partidarios como detractores. O técnico de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, Manuel Bermúdez Blanco, expón esta linguaxe é froito dos cambios que está a experimentar a sociedade nos últimos anos. “Vai dar visibilidade a colectivos que están presentes na poboación  pero que pola utilización da linguaxe ortodoxa -co masculino como xenérico- vense ocultos”, comenta.

Por outra banda, o coordinador do seminario de sociolingüística da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, engade que “hai amplos sectores sociais que cren que a linguaxe tal como se viña usando tradicionalmente fai invisible ás mulleres”.

A cuestión da linguaxe inclusiva leva anos discutíndose sen chegar a unha conclusión clara. Ante isto, Monteagudo comenta que a polémica seguirá igual ata que non haxa unha situación de auténtica igualdade entre homes e mulleres. “Nese momento chegaremos a conseguir un uso non sexista da lingua, plenamente consolidado e maioritariamente aceptado”.

É VIABLE A LINGUAXE INCLUSIVA?

A xente que se mostra contraria a empregala expón que é antinatural, artificial e que o que fai é complicar as cousas. Monteagudo destaca que “unha cousa é recoñecer que existe un problema e outra é que solucións se dan”.

Ante isto, Bermúdez Blanco comenta que hai varias maneiras de incluír formas non sexistas como: a inclusión de determinantes inclusivos – cada estudante en vez de o estudante -, cambios de redacción – os que len en vez de os lectores – ou empregar as dobres flexións – os xogadores e as xogadoras-. Tamén di que se poden usar formas como barras, guións ou arrobas sempre que non sexa unha linguaxe formal.

Monteagudo expón que en xeral as solucións son artificiais e non son ergonómicas. “Eu creo que a duplicación non sistemática pero si ao inicio dun texto por exemplo pode ser a solución”, considera. Na actualidade estamos non período experimental e non está moi clara cal é a solución, pero comenta que esta chegará a medida que se vaia avanzando na non discriminación e na igualdade da muller en todos os planos da vida.

O REXEITAMENTO DAS ACADEMIAS

A RAG non ten unha opinión fixada sobre este tema, pero xa son varias as academias que se mostraron en contra de empregar a linguaxe inclusiva. Bermúdez Blanco lamenta esta situación e expón a necesidade de que vaian adaptando as linguas aos requirimentos da propia sociedade. “A academia debe ver a sociedade, interpretala e, na medida do posible, adaptar as normas para que estas sexan útiles e non constitúan un problema para a cidadanía”, expón.

Di que vai ser a poboación a que decida como vai ir mudado a lingua, co apoio das academias ou sen el. Porén, engade que estas poden axudar a que o cambio sexa controlado e se vaia adaptando pouco a pouco aos requirimentos da xente. “O ideal sería que entre a sociedade e as institucións haxa unha comuñón e non se considere isto como unha pelexa tensionada polos extremos dun lado e do outro”, comenta.

Por outra banda, Monteagudo recalca que “o problema non é da gramática, senón do uso da lingua”. Expón que o que hai é un uso sexista da lingua debido ás prácticas e estruturas sociais machistas que hai instauradas na sociedade pero que a solución non é violentar a gramática, senón buscar formas que superen ese uso sexista da linguaxe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Helvira

O galego esmorecendo a pasos de xigante e veñen agora os posmodernos a estupidizalo aínda máis inventado polémicas, usos ilóxicos e problemas do primeiro mundo. A lingua é unha, a estupidez moita... (e tempo de lecer de máis).

2 anonimo

Pátese dunha premisa falsa. A linguaxe non " invisibiliza" a ninguén, porque a " visibilidade" non depende para nada da linguaxe. A xente non pensa que as mulleres " non existan" porque non se use cada vez os dous xéneros. E un rollo de hipersensibildade e xente que vive de dar cursos da linguaxe inclusiva, que, lóxicamenrte, defenden o seu. Se non dicimos conductores e conductoras, as mulleres non existen. Pois non,porque a realidade non depende da linguaxe.

1 Gamela

Todos, todas e todes pagamos a factura da luz coma se fora artículo de luxo !