Por X.M. Fernández | Verín | 08/06/2021 | Actualizada ás 09:00
O Concello de Verín vén de rematar a primeira fase dun proxecto de renovación da iluminación pública. En total substituíronse por luces LED 2154 luminarias correspondentes ao centro urbano de Verín e aos núcleos rurais de Tintores e Vilela.
Esta actuación suporá un importante aforro coa redución do consumo, mellorará a eficiencia enerxética, reducirá as emisións de gases de efecto invernadoiro e rebaixará tamén a contaminación lumínica.
O investimento total foi de 974.728,80 euros, correspondéndolle ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a cobertura do gasto nun 80% --no marco do Programa para a Renovación da Iluminación Público Municipal do IDAE-- mentres que o Concello de Verín participou co restante 20% por cento.
O alcalde de Verín, Gerardo Seoane Figalgo, explicou que "coa substitución das luminarias, ademais de renovar o sistema actual sendo máis respectuosos co medio ambiente e de mellorar a iluminación municipal, conseguiremos un gran diminución na factura eléctrica, o que nos permitirá destinar ese diñeiro aforrado a outros proxectos".
SEGUNDA FASE DO PLAN
Nestes momentos, o Concello de Verín xa se atopa executando a segunda fase do plan de renovación de luminarias, coa que se substituirán un total de 1630 lámpadas por luces led no resto de núcleos rurais de Verín.
Ao igual que na primeira fase, esta actuación --que suporá un investimento total de 589.674,14 euros--, estará cofinanciada nun 80 por cento (471,739,31 euros) polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) --no marco do Programa para a Renovación da Iluminación Público Municipal do IDAE--, e no restante 20 por cento (117.934,83 euros) por fondos municipais.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.