Carmela Silva di sentir"profunda tristeza" pola actitude de Feijóo ante os ataques machistas de Gonzalo Durán

O PSdeG acusa o PP de fomentar os "insultos machistas" para "ter a Vox no Parlamento galego" e denuncia o "desprezo" do alcalde de Vilanova á sentenza que o condena por "insultar" a presidenta da Deputación de Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/06/2021 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, expresou "profunda tristeza" ante a actitude do presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, polas últimas declaracións "machistas" do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, nas que, entre outras cuestións, cuestionaba a valía da mandataria socialista.

O alcalde do PP anunciou que recorrerá a sentenza que lle condena como autor dun delito leve de falta de respecto e consideración debida á autoridade no exercicio das súas funcións por chamar "chacha para todo" á presidenta provincial. Así mesmo, sinalou que Silva "non quere que ninguén a critique porque é unha persoa que non ten valía" á que "colocaron a dedo na Deputación".

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Deputación.

Ante estes comentarios, Carmela Silva expresou a súa "profunda desazón porque haxa xente así" e insistiu en que estas declaracións de Gonzalo Durán teñen un contido "profundamente machista".

Respecto da actitude do presidente da Xunta sinalou que o sente "moito máis profundamente", porque se trata dunha figura que "representa a todas as galegas e galegos" e que por iso debe defendela "como muller, porque é unha obriga do seu cargo non permitir que ocorran este tipo de situacións".

"Non hai dereito a que dous cargos políticos, un de tan alto nivel como o presidente da Xunta, non saian dicindo: presidenta da Deputación de Pontevedra como muller que recibes insultos machistas estou do teu lado. Iso é o que eu agardaba. Non ao lado de Carmela Silva, que non o necesito, senón ao carón das mulleres que sufrimos insultos machistas por ser mulleres", dixo.

Finalmente, tras considerar que Núñez Feijóo "está retratado xa", dirixiuse ás mulleres que forman parte do PP, ás que ela dixo defender cando "foron descualificadas ou insultadas", posto que non escoitou "a ningunha" saír a dicir que o trato que recibiu "era intolerable".

"DESPREZO"

O PSdeG criticou o "desprezo" do alcalde de Vilanova de Arousa, o popular Gonzalo Durán Hermida, á sentenza que o condena por "insultar" á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ao chamala "chacha para todo".

Así o manifestaron os deputados Paloma Castro e Pablo Arangüena, en rolda de prensa, na que o parlamentario reiterou que os insultos de Gonzalo Durán "teñen a máxima gravidade" e "exceden o ámbito do debate político". O socialista asegura que o alcalde de Vilanova "debería dimitir", tanto polos seus insultos á presidenta da Deputación de Pontevedra como polo seu "desacato" ao poder xudicial e á sentenza que lle condena.

A continuación, Aragüena lembrou que este non é o primeiro caso no que un político relacionado co Partido Popular "proferiu" descualificacións á presidenta da institución provincial. En febreiro de 2016, Carmela Silva foi obxectivo dos insultos dun edil do PP de Moraña (Pontevedra), quen tachou de "mala zorra" e "lercha" á dirixente socialista nunha publicación en Facebook.

ESCOLA DE 'TRUMPISMO'

Pablo Arangüena afirmou que o PP de Galicia converteuse na "escola do trumpismo galego", ante a pasividade do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. "(O mandatario autonómico) permite este tipo de comportamentos no PP porque lle permite ter a Vox no Parlamento galego sen que este sexa un adversario político", engadiu o deputado.

A súa compañeira de partido e tamén deputada, Paloma Castro secundou as palabras de Arangüena, e declarou que o "PP non cre na igualdade, porque se o fixese "non podería apoiar esta clase de comportamentos machistas e misóxinos".

Castro defendeu que a actitude do alcalde de Vilanova é unha "mostra de como entende o PP a democracia cando non goberna". "O Partido Popular non asume que tanto a principal cidade da provincia como a Deputación sexan socialistas, e por tanto ten que insultar a representantes legalmente escollidos", explicou a deputada socialista.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta