O Valedor insta a Sanidade a mellorar os servizos de atención telefónica e a contratar máis facultativos de xeriatría

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/06/2021 | Actualizada ás 17:47

Comparte esta noticia

O Valedor do Pobo considera que a Consellería de Sanidade debe mellorar os servizos de atención telefónica e incrementar o persoal de facultativos especilistas en xeriatría nas áreas sanitarias como medida para reforzar a atención ás persoas maiores e a coordinación cos centros residenciais.

Persoas maiores
Persoas maiores | Fonte: Ana Varela - Xunta de Galicia.

Trátase de dúas das conclusións que apunta o Alto Comisionado do Parlamento de Galicia que encabeza a valedora, María Dolores Fernández Galiño, na súa memoria anual, presentada este venres.

Neste informe faise fincapé nos efectos da pandemia. Para iso, divide as queixas e actuacións levadas a cabo pola área sanitaria en tres espazos temporais: de comezos de ano á declaración do estado de alarma, de mediados de marzo a mediados de xuño (fin estado de alarma) e desde entón ao termo de 2020.

Durante os meses do primeiro estado de alarma, o Valedor iniciou varias actuacións de oficio sobre cuestións relativas á crise sanitaria. A primeira estivo centrada na falta de compañía para as persoas en risco de morte dada a imposibilidade de recibir visitas polas medidas para evitar contaxios.

Finalmente, esta investigación foi arquivada tras a resposta da Consellería de Sanidade, que informou da posta en marcha dun proceso para a elaboración dun protocolo de actuación sobre a morte acompañada.

O Valedor tamén iniciou unha investigación de oficio sobre os servizos de atención telefónica da Consellería de Sanidade e que sufriron un colapso durante as primeiras semanas da pandemia, nas que se produciu un incremento de case o 120% respecto das cifras do mesmo período do ano anterior.

Segundo a información remitida polo Sergas, a central recibiu 176.406 chamadas en marzo (máis do 70% a partir do día 13), das cales 72.000 non foron atendidas, máis das que foran respondidas no mesmo mes do ano anterior, cando se rexistraron 80.717 chamadas totais. Ademais, houbo picos de 21.500 chamadas nunha soa xornada e tamén creceu exponencialmnte o tempo de xestión das mesmas, pasando de 75 a 90 segundos.

Debido aos incumprimentos do contrato en termos de calidade do servizo, a concesionaria foi penalizada ao termo do exercicio de abril por un importe de case 8.800 euros. Este paso, así como a imposición de medidas extraordinarias para facer fronte ao aumento da demanda, son valoradas polo Valedor que, no entanto, ve necesario mellorar a eficiencia do servizo para cumprir cos estándares de calidade.

"Cumprir cos obxectivos será a xuízo desta institución a meta a conseguir se finalmente prodúcense novos brotes da enfermidade ou novas situacións de emerxencia sanitaria", conclúe a institución que dirixe Fernández Galiño.

REFORZO DE XERIATRÍA

O Alto Comisionado tamén pon deberes a Sanidade na atención das persoas maiores. Así, cre necesario reforzar o persoal de médicos especialistas en xeriatría como vía para mellorar a coordinación e manter "un diálogo fluído" cos centros residenciais.

Na actualidade, segundo os datos achegados polo Sergas, hai 22 facultativos deste tipo traballando no sistema galego: once en Lugo, nove en Vigo, un en Ourense e outro en Ferrol. Para o Valedor, estas cifras "non permiten" levar a cabo "unha coordinación dos servizos" para toda a Comunidade galega, o que fai preciso "botar man doutro tipo de especialistas para establecer unha liña de diálogo fluído cos centros residenciais".

Neste sentido, pon o acento en que a designación dun facultativo de referencia para coordinar a atencón sanitaria coas residencias "non implica a redución do persoal propio, sendo ademais aconsellable que se reforce de acordo coas cargas de traballo de cada centro residencial".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta