Os perigos das tarxetas revolving, empréstitos a moi alto prezo

As tarxetas revolving, unha maneira de resolver pagamentos para os seus usuarios, esconden detrás xuros moi elevados polo seu uso. Isto foi o que levou a moitas persoas usuarias a denunciar o que consideraban xuros abusivos que en numerosas ocasións elevaban os custes desta tarxeta moi por encima do diñeiro prestado. A día de hoxe non se coñecen cantos casos hai en Galicia, aínda así, asociacións de usuarios denuncian que os xulgados estarían a atender un número moi alto de denuncias.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 27/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O modelo de consumo actual en Occidente ten numerosas maneiras de pagamento cando compramos. Un deses sistemas son as tarxetas revolving, produtos que son ofrecidos en calquera establecemento ou cadea comercial para que a clientela non marche sen o produto desexado. Tamén as entidades financeiras distribúen este tipo de tarxeta. Durante os últimos anos viñéronse realizando demandas nos xulgados ante débedas acumuladas en xuros polo uso das revolving. As débedas dos empréstitos destes cartóns de crédito poden duplicar a contía do empréstito en moitos casos. As asociacións de consumidores están poñendo en marcha mecanismos para que persoas afectadas por estes produtos de financiamento, poidan reclamar ante o que consideran unha práctica abusiva.

tarxeta de crédito, piratería, ordenador, roubo
tarxeta de crédito, piratería, ordenador, roubo

CRÉDITO PARA APRAZAR AS COMPRAS

Unha tarxeta revolving é un crédito de consumo, unha cantidade de diñeiro cargada a ese instrumento para pagar. O concepto detrás delas é aprazar o pagamento das compras que queiramos facer. O límite de crédito (o diñeiro cargado na tarxeta) vai diminuindo ata que pagamos os recibos a nome da empresa emisora da tarxeta. Tamén permiten pagar a prazos e facer uso do diñeiro cargado no cartón, isto crea unha débeda que se se vai cubrindo debidamente, cando devolvemos o diñeiro (a débeda coa revolving) volveremos ter líquido para comprar.

A débeda da revolving pode pagarse de maneira total (devolver toda a cantidade de diñeiro nunha data estipulada) ou por prazos. Segundo as webs relacionadas con este tipo de mercado, o pagamento total non crea xuros, cousa que si se crea cando se fai o pagamento a prazos ou fraccionado.

“O caso é que accedes a uns fondos teñas diñeiro ou non na túa conta, non caso de non ter aprazamos a devolución” di Miguel López de UCGAL. “A devolución por mensualidades ou prazos leva parella unha serie de cargas como son os xuros e as comisións” que finalmente son o que encarecen o uso das revolving. “A maioría da xente venas como tarxetas de crédito, pagaremos pequenas cotas con xuros e xa temos solucionada a cuestións” sinalan de ADICAE.Non se ofrece un pagamento aprazado do diñeiro prestado, senón que venden cotas de pagamento reducidas e desas cotas máis do 80% son cobros de xuros e un mínimo de pagamento do capital entregado”. Esta operación pode prolongarse no tempo porque non se dá pagado a débeda pois o crédito vaise renovando constantemente.

Imaxe de arquivo
Imaxe de arquivo

“As persoas que normalmente acceden ás revolving senten que poden usalas cando queiran e como queiran” sinala UCGAL. “Algo semellante ocorre cos créditos rápidos, son anunciados pola mañá porque é cando hai un alto número de persoas diante da TV e se lle fai falta diñeiro chama”. E cal é o perfil dos usuarios de revolving? “Non existe un perfil determinado porque quen vende revolving véndeas como créditos unha maneira de pagamento aprazado” sinala ADICAE. Moitas persoas non entenden o funcionamento real destes produtos e iso mesmo pode levalas a contratar máis dunha tarxeta.

LEGALIDADE

A pesar da legalidade das revolving e da súa comercialización “o que queremos é unha información transparente sólida e con simulacións de pagamento desta maneira de financiamento” comunica Adicae. Así, no mes de xullo de 2020 foi renovada a Orde que regula o “crédito revolvente” (Orden ETD/699/2020 de 24 de xullo) ademais de facer máis trasparente a súa comercialización.

En marzo de 2020 o Tribunal Supremo declaraba abusivos os xuros destes empréstitos. “As entidades tiveron que devolver sumas importantes de diñeiro porque o Tribunal Supremo declarou o tipo de xur (desde un 22 a case un 30%) como xuro usurario” sinala UCGAL. A cuestión que se presenta aquí é “falta de control e de inspección” das autoridades competentes. “É como falar das preferentes, da falta de control rigoroso sobre os produtos financieiros, parte da solución para nós é rebaixar os xuros a un tipo medio”.

Desde a Asociación Española de Banca (AEB)  sinalan que “os bancos actúan con transparencia cando ofertan produtos e servizos aos seus clientes, ademais, están sometidos a unha regulación e supervisión moi esixente desde as autoridades”. Como exemplo deste tipo de actuación poñen o traballo que se fai sobre as revolving do BBVA.

Por outra banda, ante a sentenza do Tribunal Supremo, AEB entende que “a sentenza sobre unha tarxeta revolving non cuestiona a validez deste produto financeiro”. Enténdese tamén por parte da asociación que as revolving son un produto comercial diferente do financiamento tradicional para o consumo “e están suxeitas a maior incerteza polas maiores dificultades para o recobro en caso de que non se pague”. Ademais, consideran que ao ser unha sentenza sobre un caso concreto, isto non afecta ás demais entidades que expenden estas tarxetas.

Contactouse para esta reportaxe coa Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía da Xunta, departamento ao que está ligado a sección de Consumo. Desde alí comunicouse que as competencias corresponden ao Banco de España.

O principal problema sobre as revolving é a falta de información sobre as mesmas por parte da maioría dos e das consumidoras. Esta circunstancia e as aparentes facilidades que ofrecen, son un engado moi bo para asinar a súa contratación. Os xuros que crean os créditos envoltos nestes cartóns son moitas veces os culpables dunhas “débedas prolongadas” no tempo. É por iso que as asociacións de consumidores aconsellan informarse primeiro sobre o funcionamento destes créditos e se realmente son necesarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Como é posible que teñamos estes produtos no Mercado ? Dende que temos Menistro de Consumo resulta imposible cometer fraudes no Reino de España ! Aquí xa ninguén cobra Comisións Bancarias Abusivas! Dende que temos Menistro de Consumo os bancos son os mellores alíados do cidadán, están para servir, retirando oficiñas e caixeiros en tódolos pobos e vilas de Galicia favorecen a interconexión territorial e animan á xente a sair da casa !