Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/06/2021 | Actualizada ás 19:19
A empresa Greenalia finalizou, tras un ano de traballo, a construción dos parques eólicos de Monte Tourado (Vimianzo), Alto da Croa (Vimianzo) e Croa II (Vimianzo e Dumbría), que entre os tres suman un total de 28 megawatts.
Cun total de oito aeroxeradores, de 84 metros de altura e 132 metros de diámetro cada un, os tres parques eólicos contaron cun investimento global de 21,5 millóns de euros. Supuxeron 290 empregos nun ano de pandemia, ao que suma persoal de mantemento e control que se manterá durante a súa vida útil.
Entre as tres instalacións, Alto da Croa, Croa II e Monte Tourado, que previsiblemente entrarán en funcionamento nun mes, terán unha capacidade para xerar enerxía equivalente ao que sería o consumo de 3.000 fogares, toda procedente de materia prima renovable.
Segundo informa Greenalia, contouse para as distintas fases de desenvolvemento do proxecto con medio cento de empresas galegas.
Doutra banda, en concepto de taxas e impostos, os concellos de Dumbría e Vimianzo recibirán un total de 850.000 euros, cunha proporción de 40% e 60% destas cantidades, respectivamente, en función da ocupación e aeroxeradores instalados en cada un destes concellos, nos que redundará tamén o canon eólico abonado anualmente pola compañía e os impostos de actividade, tamén de carácter anual.
Así mesmo, durante a vida útil dos tres parques eólicos (30 anos), o conxunto de propietarios das parcelas incluídas dentro da poligonal recibirá un montante total próximo aos 3 millóns de euros. Houbo acordos co 97% dos titulares para o aluguer deses terreos, "na súa maioría matogueiras que previamente non tiñan ningún rendemento", sostén a compañía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.