O goberno que preside Caballero ten trazos totalitarios e antidemocráticos. A súa maioría absoluta, outorgada polo BNG a cambio dalgunhas migallas, convertérono no dono e señor do noso municipio. Mercou á maioría dos medios de comunicación, ten os seus programas televisivos propios e un cuantioso orzamento destinado a publicidade que é empregado, única e exclusivamente, en potenciar a súa imaxe pública. Entrementres o PP está recluído á espera de que pase o ballón do caso Bárcenas ou se produza algún milagre en Vigo. O BNG, que segue sendo o sostén político deste goberno, intenta recuperar a imaxe de esquerda que perdera en tantos anos de pisar moqueta. Cando gobernou non desenvolveu un municipalismo de esquerda e transformador, non demoleu a Cruz do Castro, presidía as procesións do Cristo da Vitoria... Agora é Alternativa Galega de Esquerda (AGE) quen ocupa e amplía este espazo electoral, coa posibilidade real de obter seis concelleiros.
Con este panorama, el Caballero del Condado, don Abel, goberna ás súas anchas, facendo da súa xestión un goberno de xordos. Durante todos estes anos negouse sistematicamente a dialogar coa propia veciñanza. Prefire só atender e beneficiar aos do seu partido e da súa órbita. O resto, a gran maioría, son castigados e perseguidos por manter unha opinión independente, como proba o despedimento improcedente de María Pérez, a presidenta da Federación Veciñal.
Vigo non pode funcionar democraticamente se o seu alcalde rexeita o diálogo e non escoita aos colectivos. É necesario emendar esta deriva cunha moción de censura. BNG e PP teñen a palabra. Eles si que poden.