Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/07/2021 | Actualizada ás 22:00
Novo golpe ao “escurantismo” da Xunta de Galicia a respecto da súa xestión ambiental. Desta vez, o impacto dos tribunais non vén da parte da chamada “avalancha eólica”, senón noutra das grandes frontes contra a que se implica o movemento ecoloxista da comunidade: o eucalipto. O TSXG vén de “amonestar” a administración autonómica por non terlle achegado información á plataforma ADEGA sobre unha plantación “ilegal” de eucalipto.
O fallo do TSXG, contra o que non cabe recurso, ratifica así a decisión do xulgado contencioso-administrativo de Lugo que admite a demanda de ADEGA e contra o que se postulou en recurso a Xunta de Galicia despois de que este lle dera a razón á plataforma ecoloxista. Segundo apuntan dende a mesma, a Xunta ten agora un mes para dar esa información dende que a sentencia sexa firme.
Ao parecer, ADEGA ten dereito a coñecer a información relativa a este informe sancionador por tratarse dunha entidade sen ánimo de lucro que, ao cumprir os requisitos da Lei 27/2006 --de carácter estatal--, pode “recorrer omisións imputables ás autoridades públicas que vulneren as normas relacionadas co Medio Ambiente”.
O argumentario da Xunta para non ofrecer esta información teríase baseado, din dende a plataforma, en que a cuestión da plantación ilegal de eucaliptos non tiña carácter ambiental, un razoamento que a plataforma cualifica de “absurdo e inxustificábel”. E iso que “segundo o TSXG, a denegación por parte da Consellaría de Medio Rural da condición de interesada a ADEGA e do acceso á información contida neses expedientes, estaría furtando de facto o dereito da entidade ecoloxista [de poder desenvolver este control]”, aseguran.
ARGUMENTARIO "ABSURDO"
Tal foi o argumento da Xefatura Territorial de Medio Rural en Lugo cando, en 2017, fundamentou a súa negativa de dar acceso á información solicitada pola asociación ecoloxista ADEGA ao entender que dita información non tiña carácter ambiental, “malia a atender aos procedementos sancionadores por dúas plantacións ilegais”. “Incluso chega a cuestionar que unha plantación ilegal (neste caso de eucaliptos, tras corta tamén irregular de bosque autóctono) teña que ter necesariamente unha incidencia ambiental”, enganden.
Dende a plataforma consideran que este feito é representativo da “concepción nesgada e cativa de información ambiental” da Xunta, “restrinxindo esta só a aquela que, ou ben afecta a espazos naturais protexidos, ou ben faga referencia a feitos que precisen do pronunciamento expreso da Consellaría de Medio Ambiente”. A plataforma sostén que a “opacidade administrativa” da man da Xunta aumentou tras o cambio da Xefatura Territorial de Lugo, comandada pola alcaldesa de Triacastela Olga Iglesias Fontal dende 2017.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.