Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2021 | Actualizada ás 09:00
Foi polo 1 de abril de 1921 que se fundou a Misión Biolóxica de Galicia, unha institución científica “fundamental” no desenvolvemento de técnicas de mellora do sector agrogandeiro galego. A Misión, que naceu ao abeiro do CSIC do momento, pretendía aplicar novos coñecementos científicos para potenciar o sector que entón consistíaa principal actividade económica do país: o primario.
Así foi fundada por iniciativa da Junta de Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE), entidade que tras a Guerra Civil pasou a chamarse Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), como permanece ata hoxe. Cen anos despois de que se levantara esta institución clave para o desenvolvemento do agro galego, o Consello da Cultura Galega e o CSIC lembran a efeméride.
O CSIC desenvolverá un acto este xoves 15 en Salcedo para celebrar o centenario desta entidade na que colaboraron personalidades universitarias do momento como Cruz Gallástegui ou Osorio Tafall. O CCG, pola súa banda, contribúe á efeméride cun especial web que xunta as biografías de destacados membros que a conformaron e que están no Álbum de Galicia; así como un artigo contextualizador de Francisco Díaz-Fierros, catedrático emérito de Edafoloxía da USC.
DO GANDO AO MILLO
Os cometidos da Misión Biolóxica de Galicia pasaban por realizar investigacións e traballos de bioloxía aplicados á agricultura e gandaría do país. Na etapa de Cruz Gallástegui, o seu primeiro directo, centrouse na obtención de variedades vexetais e gando porcino de boa calidade, e na transmisión destes coñecementos ao sector.
Na década de 1930 o foco pasou a estar posto na mellora xenética do millo e na obtención de variedades de castaño resistentes á tinta (unha das súas principais enfermidades), esta última liña consolidada por Ernesto Vieitez. Nesta época tamén se encargaron dos estudos e mellora xenérica do porco, coa introdución e mellora da raza porcina inglesa Large White.
O parón chegaría cos anos 60, cando a xubilación de parque do equipo provocou que se pecharan diversas liñas de investigación. Estas foron compensadas nos 80 con novas iniciativas que marcaron o rumbo do que hoxe é a Misión: unha entidade que se dedica á investigación agraria e forestal, ocupándose dos principais cultivos e especies leñosas do país; e que celebra xa 100 anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.