O turismo en Santiago imparable: rexístranse os mellores datos desde o 2019

En xullo chegarán á cidade arredor de 25.000 persoas, a mellor cifra desde outubro do 2019.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/07/2021 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

A quinta onda e o aumento exponencial de contaxios que se produciron nas últimas semanas en Galicia non supoñen un impedimento para a chegada de turistas a Santiago de Compostela. “Cremos que a cidade está a demostrar a súa fortaleza, capacidade de atracción e resiliencia. Continúa sendo un destino preferido para moitos cidadáns para pasar as súas vacacións e neste sentido confiamos en que a medida que a situación sanitaria vaia mellorando a recuperación será total”, explicou o concelleiro de turismo, Sindo Guinarte, nunha rolda de prensa no Concello de Santiago no que deu conta da situación do turismo na capital galega.

Peregrinos en Santiago de Compostela - La Voz de Galicia
Peregrinos en Santiago de Compostela - La Voz de Galicia

Un dos métodos que emprega a Concello para coñecer a evolución dos datos é o número de consultas na oficina de turismo. A xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil indicou que a pasada semana se multiplicaron as visitas por dez. “Trátase da semana con maior número de consultas desde outubro do 2019”, puntualizou.

O 24 de xullo, o día dos fogos e á véspera dunha data moi sinalada nos calendarios composteláns, chegaron a Santiago 2.016 peregrinos. É o primeiro día desde a pasada tempada de verán na que chegan máis de 2.000 peregrinos á cidade. Ademais, este mes rematará con arredor de 25.000 visitantes, a mellor cifra desde outubro do 2019.

SEGUNDO AEROPORTO DE ESPAÑA CON MELLOR COMPORTAMENTO

“No aeroporto tamén temos motivos para a esperanza”, dixo Guinarte. O aeroporto Rosalía de Castro foi o segundo cun mellor comportamento dentro dos principais aeroportos de España da rede AENA. “Tivemos 136.000 pasaxeiros, só tivo mellor comportamento o de Tenerife Norte”, indicou Ramil.

Ademais, a xerente de Turismo de Galicia indicou que se van a manter practicamente todas as conexións internacionais idénticas as que había no 2019. Tamén salientou que de cara ao 2022 aparecerán novas rutas que “permitirán que o aeroporto mostre a súa resistencia”, dixo Ramil.

TURISMO NACIONAL E FAMILIAR

Aínda que se observa unha boa recuperación do turismo, a gran parte de turistas que veñen a Santiago de Compostela son nacionais. O perfil máis habitual é un turismo familiar de mediana idade que se despraza en vehículo propio ou en avión. Guinarte di que a recuperación do turismo internacional está sendo “máis pausada”. Con todo Ramil móstrase optimista xa que a semana pasada xa se superaron as mil consultas internacionais na oficina de turismo.

Os que van máis lentos son os mercados de longa distancia, que estaban vivindo un crecemento moi importante nos últimos anos. A recuperación do turismo internacional depende das conexións directas”, afirmou Ramil.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta