O Imelga certificou 104 vítimas mortais en accidentes de tráfico en 2020, a cifra máis baixa desde 2013

Notificou un maior número de periciais psiquiátricas que de lesións "por primeira vez".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/07/2021 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

O Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) certificou 104 falecidos en 98 accidentes de tráfico --o 18,4% das mortes accidentais-- no ano 2020, unha cifra que supón a máis baixa desde o exercicio 2013. Así o expuxo a directora en funcións do Imelga, Ana Belén Pérez, este martes en Santiago de Compostela, durante a presentación da memoria do ano 2020 da institución. Estivo acompañada polo director xeral de Xustiza, Juan José Martín.

Un coche accidentado nunha pista tras un accidente de tráfico
Un coche accidentado nunha pista tras un accidente de tráfico | Fonte: Garda Civil.

Ana Belén Pérez comentou a posibilidade de establecer unha vía de colaboración coa Fiscalía de Seguridade Viaria, aínda que admite que é "só unha idea", polo momento.

Ademais, o Imelga rexistrou un "cambio de tendencia", xa que o número de periciais psiquiátricas --10.200, un 49,17%-- situouse por diante do de periciais de lesións "por primeira vez" desde a creación do organismo, puntualizou a directora.

En total, recibiu 25.884 solicitudes, tanto clínicas --de tipo médico, psicolóxico ou de traballo social--, como patolóxicas --mortes violentas, sospeitosas de criminalidade ou naturais, entre outras--. A directora en funcións quixo resaltar que este número "non se traduce en informes" posto que, por cada solicitude, pódese expedir máis dun informe.

En canto a violencia de xénero, o Imelga traballa con Unidades de Valoración de Integral de VDG, equipos multidisciplinares constituídos por un médico forense, un psicólogo e un traballador social. Así, rexistráronse tres casos de mortes neste 2020 por esta secuela, a segunda cifra máis baixa desde 2013.

SUICIDIOS E MORTES NATURAIS

Por outra banda, no que respecta a suicidios, supoñen un 34,9% do total das mortes violentas e diminuíron en todas as provincias galegas, segundo indicaron. Con todo, a taxa de suicidios en Galicia sitúase en 13,11 por cada 100.000 habitantes, polo que "supera" a prevalencia no ámbito estatal e europeo.

Neste sentido, este organismo forma parte do Consello Interdepartamental de Coordinación para a prevención e atención das condutas suicidas, unha colaboración que serve, entre outras cuestións, para levar a cabo programas asistenciais en grupos de risco, como son a familia de falecidos por suicidio.

Ademais, en consonancia con tendencias de anos anteriores, son máis frecuentes as mortes naturais --931 casos-- que as ocorridas en circunstancias violentas --887--. Nesta liña, a patoloxía máis numerosa en canto a falecementos naturais foi a cardiovascular, cun 74,75% do total.

No caso das mortes violentas, as máis frecuentes supoñen as ocorridas de forma accidental con 565 casos, que supoñen un 63,9% do global. A maioría das mortes deste tipo débense a traumatismos por caídas fortuítas ou accidentes de tráfico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta