Contas detecta "consignacións insuficientes" no Sergas, "coñecidas cando se aprobou o orzamento"

Avisa dun "desaxuste estrutural" con "deficiencias" nas contas de cada área sanitaria.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2021 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

O Consello de Contas avisa dun "desaxuste estrutural" nas contas do Sergas entre gastos e recursos, de forma que a Xunta recorre a modificacións orzamentarias "para a cobertura de necesidades con consignacións insuficientes, pero que eran coñecidas no momento de aprobación do orzamento".

Nun informe da Conta Xeral do Sergas de 2019 --no marco dun paquete de estudos publicados este venres polo órgano fiscalizador--, obsérvase que a Xunta presuposta de forma inicial unhas partidas non suficientes para o Sergas a propósito de que "o gasto sanitario é moi superior".

Esta situación tradúcese en que o importe neto das modificacións orzamentarias no exercicio 2019 alcanzaron os 243 millóns, "o que supón un incremento do orzamento inicial do 6%" --cun orzamento inicial de 3.909 millóns--. As obrigacións non recoñecidas chegan a 62 millóns, "aumentando preto do 165% respecto ao ano anterior".

Esas "consignacións insuficientes" ás que se refire Contas, das cales era coñecedora a Xunta ao aprobar o orzamento, céntranse, "especialmente", no gasto farmacéutico e en intereses a pagar. De feito, o gasto farmacéutico supón 1.244 millóns, un 3% máis que no anterior exercicio, e ten un peso no conxunto do organismo do 30%. Tamén se subliña que se incrementan as redistribucións de partidas, das cales un 65% son de clasificación orgánica, "evidenciado deficiencias na elaboración dos orzamentos de cada EOXI (área sanitaria)".

O Consello de Contas lembra que se advertiu de forma "recorrente" de que o emprego do fondo de continxencia no Sergas "supón un elemento distorsionador do orzamento" porque se aplica para a cobertura de gastos que "teñen carácter previsible".

O conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, fai entrega de novos informes ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices. PARLAMENTO
O conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, fai entrega de novos informes ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices. PARLAMENTO | Fonte: Europa Press

RECOMENDACIÓNS

Entre as recomendacións pendentes, apela a que poña nunha marcha un sistema integral de contabilidade --tal e como esixe o Plan Xeral de Contabilidade Pública de Galicia--, dado que "continúa sen implantarse". De tal forma, insta o Goberno galego a que "as modificacións orzamentarias deben reducirse ás estritamente necesarias para non desvirtuar o seu carácter excepcional", á vez que "debe limitarse o emprego das redistribucións".

Así mesmo, indica que as fundacións de investigación vinculadas aos centros sanitarios, que están incluídas no inventario de entidades do sector público, deben integrarse no sector público autonómico e teñen que someterse a rendición de contas. Máis aló destas cuestións, na Conta Xeral do Sergas de 2019 reflíctese que o gasto nese ano da actividade concertada foi de 205 millóns, un 1% menos. Con todo, pon o foco sobre que nos concertos coa privada "se recorre de forma reiterada ás autorizacións de uso e na maior parte dos casos non se acreditan as necesidades urxentes".

Así mesmo, o número medio de profesionais que prestou servizo en 2019 foi de 39.817 (+3%), dos cales 29.615 (74%) eran de atención especializada e 8.560 (21%) de Atención Primaria. Houbo unha diminución de 464 efectivos de persoal propietario, mentres aumentan en 1.013 os interinos. As contratacións temporais de eventuais e substitutos creceron en 450 traballadores.

Por outra banda, o órgano fiscalizado advirte de que a situación financeira da Fundación 061 "evidencia unha necesidade de revisión do modelo de control e seguimento por parte do Sergas".

ABUSO DAS PRÓRROGAS DE CONTRATOS

Noutro dos informes que acaba de publicar Contas, faise unha análise das contratacións do Sergas entre 2012 e 2017. Aquí, identifícase que na contratación "emprégase de forma sistemática a prórroga por razóns de interese público, cando esta debe ter carácter excepcional". E é que "se continuou coa execución da prestación sen soporte contractual no 59% dos expedientes revisados, o que supuxo un 29% do importe total da mostra analizada".

Igualmente, as "modificacións contractuais non están suficientemente motivadas nos expedientes e, en ocasións, son de tal entidade que poderían cualificarse como prestacións substancialmente diferentes das orixinais e, por tanto, poderían ser obxecto de contratación independente".

Por todo iso, recomenda unha análise "realista e rigorosa" das contratacións e unha planificación "adecuada" da súa duración co fin de "evitar que os contratos se prolonguen sen xustificación". Tamén require reducir en número e importe e a supostos "debidamente xustificados" as modificacións contractuais para "evitar desvirtuar a prestación orixinalmente contratada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta