Sanitarios protestan en Pontevedra por "cansazo, presión e tensión", unha sobrecarga "ata límites inasumibles"

Piden o apoio dos pacientes, aos que instan a pór follas de reclamación para que incrementen os recursos humanos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/08/2021 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

Profesionais sanitarios e outras persoas participaron este mércores en Pontevedra nunha concentración celebrada diante do Hospital Provincial para protestar pola "mala xestión dos recursos humanos" na sanidade pública "e o consecuente aumento da presión asistencial á que todos os traballadores están sometidos".

Os convocantes desta protesta foron os sindicatos Prosagap, CIG, UGT, Omega, CSIF, CCOO, Satse e CESM que reclamaron á Xunta a mellora da atención e dos recursos humanos "para que todos os colectivos poidan traballar en condicións dignas".

Este mércores houbo concentracións nos centros de saúde pontevedreses da Parda, Monte Porreiro, Lérez, Pontesampaio e Peregrina e tamén nos dos concellos de Bueu, Marín, Moraña, Cuntis, Caldas de Reis, Soutomaior, Vilaboa, Sanxenxo e Poio, pertencentes a esta área sanitaria. Os sindicatos convocantes reiteraron as súas denuncias pola "sobrecarga" que padecen desde hai anos e que se incrementa "ata límites inasumibles" na época estival.

Carmen Revenga, portavoz da organización sindical Médicos de Galicia Independentes (Omega) explicou que en todos estes centros de saúde os traballadores "están igual de precarios, baixo mínimos, con cansazo, presión e tensión". "Non poden máis", abundou.

"Non substitúen a ninguén, nin xubilacións nin vacacións", subliñou Revenga, que pon en dúbida o discurso dos responsables do Servizo Galego de Saúde (Sergas) sobre a falta de persoal dispoñible para facer estas substitucións.

"MÁIS INVESTIMENTO E MELLOR PLANIFICACIÓN"

Alertan, ademais, de que "se están atrasando citas e pode levar atrasos en diagnósticos". Por todo iso, seguirán con protestas ata conseguir "máis investimento e mellor planificación", tanto na Atención Primaria como na Hospitalaria.

Finalmente, pediron o apoio dos pacientes, que ás veces pagan a súa frustración co persoal sanitario, comentaron, para que dirixan as súas queixas aos xestores da sanidade. "A xente debe pór follas de reclamación", conclúen, para que incrementen os recursos humanos.

Profesionais sanitarios traballan nun hospital
Profesionais sanitarios traballan nun hospital | Fonte: Universidade de Vigo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta