Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2021 | Actualizada ás 16:52
A Xunta anuncia que vixiará "estreitamente" a evolución dos niveis de ocupación dos encoros das Portas, Cenza, Salas e Belesar, na conca hidrográfica do Miño-Sil, ao considerar que a súa situación é "moi preocupante". De feito, o Goberno central abriu expediente informativo a Iberdrola e Naturgy, as empresas concesionarias, para investigar o seu baleirado.
"Un posible escenario de seca en Galicia durante os próximos meses podería agravar a situación aínda máis", advirte nun comunicado a Xunta no que apunta ás comprobacións feitas "nas últimas horas" por técnicos da Consellería de Medio Ambiente.
Os datos de ocupación nestes catro encoros "non son os esperados nin os habituais para esta época do ano", avisa. De feito, en Belesar, en Lugo, e en Salas, en Ourense, os informes da Xunta indican que o seu actual nivel de ocupación --30,1% e 27,3%, respectivamente-- non se alcanzou o ano pasado ata finais de outubro. No caso das Portas e Cenza, ambos na provincia ourensá, a situación "é aínda máis anómala xa que en ningún momento de 2020 chegaron a estar, como agora, a un 15% da súa capacidade. A ocupación mínima foi dun 55,9% no caso do primeiro e dun 20% no segundo.
O outono adoita ser a época de maior seca en Galicia, de forma que os encoros alcanzan os seus niveis máis baixos cara a finais de outubro, apunta a Xunta. "Pero tendo en conta a actual ocupación de Belesar, Salas e sobre todo, As Portas e Cenza, se non chove nos próximos meses a situación podería complicarse moito", incide.
SEN AFECCIÓN A FAUNA E FLORA
Axentes ambientais desprazáronse este venres e sábado ata os catro encoros sen constatar polo momento afeccións sobre a fauna ou a flora. Estas inspeccións de oficio foron ordenadas desde o departamento de Patrimonio Natural co fin de comprobar a existencia de posibles danos na biodiversidade e volverán repetirse nos próximos días todas as veces que sexan necesarias, indica a Xunta, para verificar que se respecta o caudal ecolóxico establecido en cada caso co fin, precisamente, de garantir a cantidade de auga necesaria para preservar os valores ecolóxicos deste tipo de masas.
En definitiva, e ante a situación xerada pola "incomprensible decisión dos titulares dos aproveitamentos hidroeléctricos de Belesar, Salas, As Portas e Cenza de baleirar estes encoros", a Xunta seguirá vixiante "e non dubidará en actuar con rapidez e contundencia se detecta o máis mínimo incumprimento do caudal ecolóxico ou calquera tipo de consecuencias ambientais nestas zonas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.