Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2021 | Actualizada ás 23:24
Á hora de facer o camiño cadaquén ten as súas motivacións. Turismo, conexión coa natureza, unhas vacacións diferentes, polo desexo de camiñar, cun obxectivo relixioso... As razóns son moi variadas, e a pandemia non resulta un impedimento para facelas realidade. Os peregrinos que chegan a Santiago coinciden no excepcional da experiencia e no respecto e coidado que se demostra no Camiño e nos albergues, tamén no que se refire ao coronavirus.
Un exemplo é Lupe, de Granada, que fixo o camiño francés dende Sarria. Levaba varios anos querendo facelo, e foi este ano cando se lle presentou a oportundiade, polo que non dubidou en botarse a camiñar a pesar da pandemia. "Eu son das que pensa que foi o momento perfecto", afirma a peregrina. "Está todo moi coidado e todo o mundo é moi colaborativo. Estamos moi impresionadas do ben que nos tratou a xente", afirma.
NATALIA, A NENA QUE FIXO O CAMIÑO PRIMITIVO EN PATINETE
325 quilómetros foi a distancia que recorreu Natalia a bordo do seu patinete para chegar a Santiago de Compostela. Esta nena madrileña de cinco anos, que transitou o Camiño Primitivo, comenta que a cidade lle parece moi bonita pero que se cansou moito porque fixo "máis que moitos" quilómetros.
A súa nai indica que levaron o patinete para que a nena puidera seguir o ritmo. "Para amortizar un pouco a andada. Xa que non aguanta tanto, algún tramo fíxoo en patinete", comenta. Tamén destaca que encontraron xente "encantadora" no camiño e que, a diferenza doutras rutas, na primitiva había moi pouca xente. "Encontrabámonos sempre os mesmos no camiño pero despois cando se xuntaron xa comezamos a coñecer a outra xente. Encantoume." di.
DENDE BADAXOZ PARA HOMENAXEAR AO SEU AMIGO
Eduardo, Federico, Juan, Gonzalo e Carlos tamén se decidiron a percorrer o Camiño para facer unha bonita homenaxe. Este grupo de amigos de Badaxoz iniciaron a ruta en Sarria "porque un amigo noso que faleceu este ano facíao todos os anos e fixémolo na súa honra. Para vivir a experiencia e ver o que facía el", explica Federico.
Comenta que, a pesar de que eles non tiveron en conta a situación da Covid para realizar o camiño, viron como as medidas se respectaban. "A xente levaba máscara e os albergues estaban a unha porcentaxe moi baixa. Non tivemos ningún problema", di Federico.
Ademais, a homenaxe ao seu amigo serviulle para coñecer todo o encanto que rodea ao camiño de Santiago e indican que a experiencia foi "moi bonita". "O ano que vén estamos aquí outra vez. Animanos a todo o mundo que está dubidando que o faga porque creo que é unha experiencia boísima", finaliza Gonzalo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.