Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/09/2021 | Actualizada ás 14:14
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelou a todos os socialistas galegos a traballar "xuntos" por unha Galicia "mellor" e deixado claro que el quere "sumar con todos os progresistas e as progresistas". "Aos únicos que eu quero derrotar é aos do PP de Feijóo", manifestou.
Gonzalo Caballero lanzou esta mensaxe interna de unidade durante a súa intervención na reunión da interparlamentaria do PSdeG, que este sábado mantivo un encontro de traballo en Santiago de Compostela coincidido co inicio do curso.
O xefe de filas do PSdeG subliñou que "todos os socialistas unidos" son "imparables" para liderar a reactivación, para traballar polas persoas e para loitar polos servizos públicos. "Entendemos con claridade que a cidadanía quere que nos centremos nese proxecto de país que é tan necesario e que entendamos que o substancial que nos une é a clave de construír unha Galicia mellor", dixo.
"Só hai unha forma, converxer en Galicia; e só hai un camiño, facelo xuntos coa cidadanía, cos galegos", afirmou para subliñar que o PSdeG é "unha forza ao servizo da cidadanía" que "avanzou ao longo dos últimos anos en todas as convocatorias electorais".
Así mesmo, sostivo que o Partido Socialista de Galicia "ten a forza para facer fronte aos próximos retos electorais", en referencia ás eleccións xerais e municipais que terán lugar en 2023." "É por iso que todo o partido xunto está preparado para defender os intereses dos galegos á beira dun modelo de país que en España defende un modelo de progreso e á beira de cada un dos concellos de Galicia nos que temos alcaldías", argumentou.
"NON ESTAMOS PARA PÓR O FOCO EN NÓS MESMOS"
No discurso ofrecido na semana na que a dirección do PSdeG conseguiu pechar candidaturas de consenso para o Congreso Federal polas provincias da Coruña, Lugo e Pontevedra, Gonzalo Caballero asegurou que os socialistas non están para "pór o foco" en si mesmos.
"En política non estamos para pór o foco en nós mesmos, senón na cidadanía e en darlle solucións. Non estamos para servirnos da política, senón para facer a mellor política que sirva á xente, especialmente á cidadanía máis vulnerable", afirmou nun contexto no que o PSdeG deberá renovar a finais de ano á súa dirección.
Por iso, incidiu en que "é bo non perder de vista" que tanto nas cámaras lexislativas, como nos gobernos dos concellos e nos congresos do partido "o obxectivo é achegar as propostas máis efectivas e máis útiles para mellorar a vida da cidadanía".
"Os procesos do partido non poden estar desligados do noso compromiso coa sociedade, que é ser útil aos galegos", sinalou para subliñar que o que espera a cidadanía é que traballen "xuntos" para presentar un proxecto de país que represente unha forma de facer as cousas distintas a como as fai a dereita".
TRES PACTOS
Por iso, propuxo alcanzar no novo curso político "tres grandes pactos de país" polos servizos públicos, a modernización da economía e o municipalismo. No seu discurso durante a reunión da interparlamentaria, explicou que o primeiro destes grandes acordos debe implicar un fortalecemento dos servizos públicos, con especial atención na sanidade pública.
"Non pode ser que o Partido Popular asuma que a Atención Primaria teña listas de agarda, que haxa galegos que teñen que esperar máis de 20 días para ter unha cita co médico", censurou Gonzalo Caballero, que sostivo que "cada semana que pasa" os galegos saben que a sanidade "empeora" co Goberno de Feijóo.
Ademais, advertiu de que "se o PP non quere chegar a acordo", os socialistas chegarán a un gran pacto coa cidadanía para lograr unha mobilización que "impida os recortes". "Porque coa sanidade non se xoga e os socialistas somos os seus principais defensores", subliñou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.