Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/09/2021 | Actualizada ás 14:13
Na reunión deste martes, Augas de Galicia presentou unha proposta de sanción a Endesa que finalmente ascende a case 1,9 millóns de euros pola turbidez do Eume que deixou o verán pasado sen abastecemento a Pontedeume máis dunha semana. Supón case un millón de euros máis do que estipulara hai uns meses, cando propuxo unha sanción dun millón de euros. Esta anuncio de multa chega logo de protestas sociais e tras o vaciado de varios encoros.
"Queda acreditado que Endesa incumpriu as normas de explotación, non atendeu aos requirimentos de Augas e esas accións non poden quedar impunes", chamou a atención a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez.
Neste sentido, avogou por que "tomen nota tanto as empresas hidroeléctricas que xestionan os encoros como a propia confederación do Miño-Sil, porque unha concesión non pode ser darlle a auga a unha empresa para que faga o que lle dea a gana".
Por outra banda, despois da protesta convocada pola plataforma SOS Encrobas contra "a privatización do río Eume e o lago das Encrobas", a conselleira subliñou que Augas e a Xunta "cumprirán estritamente a lei". "Cando se solicita unha concesión dun aproveitamento hai que proceder ao trámite correspondente, apertura de competencia de proxectos, información pública e queda moita tramitación por diante con diferentes informes sectoriais", explicou.
Pola súa banda, garantiu que a Xunta velará "pola compatibilidade dos usos" e "polo patrimonio natural", nun procedemento que, segundo reiterou, é "moi longo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.