Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/09/2021 | Actualizada ás 21:00
A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) alerta do aumento de casos de phishing bancario, unha modalidade de suplantación de identidade e fraudes on line, en Galicia. De feito, só neste mes de setembro, esta asociación atendeu 10 casos de persoas que foron vítimas deste tipo de estafas que, segundo estiman, podería ter afectado a máis de 40 familias.
A Unión de Consumidores de Galicia contactou con distintas persoas afectadas co ánimo de coñecer de primeira man o alcance destas fraudes, a metodoloxía utilizada polos delincuentes e as respostas recibidas por parte das entidades financeiras e as distintas autoridades.
UCGAL considera que antes de poñer en marcha actuacións de natureza xudicial, cómpre esgotar calquera outra vía de acción, en especial o contacto directo coas entidades financeiras para estudiar as vías que permitan a recuperación do diñeiro, e analizar aspectos como a seguridade dos sistemas, aplicacións e protocolos, así como a formación das persoas usuarias da banca electrónica e móbil.
Para iso, UCGAL convocou unha xuntanza con persoas afectadas e pídelles que leven un breve informe da súa situación persoal (detalle dos feitos, importes subtraídos, reclamacións e denuncias presentadas, así como as respostas obtidas ás mesmas) que permita á asociación avaliar o alcance das fraudes á hora de dirixirse a entidades e autoridades.
A xuntanza terá lugar nas instalacións do Edificio Cersia en Santiago de Compostela o próximo xoves 30 de setembro ás 18.00 horas. Por razóns de seguridade recoméndase contactar previamente coa organización para avaliar o aforo máximo e lémbrase que é obrigatorio o uso de máscara durante a xuntanza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.