Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/09/2021 | Actualizada ás 20:59
O xuíz que instrúe o caso das gravacións da festa da Maruxaina de Cervo (Lugo) volveu desestimar a denuncia ao considerar que non existe delito nos vídeos de mulleres ouriñando na rúa captados con cámara oculta e que foron subidos a páxinas web pornográficas, algunhas delas de pago.
Nun auto emitido a comezos de setembro que xa foi recorrido pola asociación Mulleres En Igualdade Burela (Bumei) ante a Audiencia Provincial de Lugo, o xuíz Pablo Muñoz Vázquez desestima o recurso presentado polo colectivo ao primeiro arquivo da causa, ditado por el mesmo a mediados de marzo.
En primeiro lugar, o titular do Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro argumenta que os feitos denunciados non constitúen un delito contra a intimidade ou o dereito á propia imaxe porque as imaxes se obtiveron na vía pública, polo que deberían ser tratados pola vía civil e non a penal.
Tamén rexeita que as gravacións supoñan un delito contra a integridade moral, neste caso porque "non se aprecia o ánimo tendencial de quebrantar a resistencia física e moral" das mulleres que foron filmadas mentres facían as súas necesidades durante a celebración das festas da Maruxaina do ano 2019.
Por tanto, o xuíz instrutor reafírmase na decisión ditada fai seis meses e acorda o sobresemento provisional da denuncia.
O colectivo denunciante, que organizou unha mobilización na que participaron centos de persoas tras o arquivo da denuncia en marzo, espera agora á decisión da Audiencia Provincial de Lugo, que debe resolver un recurso de apelación.
O criterio do xuíz instrutor difire do que ten Fiscalía, que considera que hai un delito contra a intimidade e estima que "alternativamente" pode existir tamén outro contra a integridade moral das vítimas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.