'Oktoberfest á galega' en Verín os días 8 e 9 de outubro

O concello presenta a primeira edición da 'Festa da Cervexa de Verín'. O evento contará con máis de 20 variedades de cervexas, nacionais e de importación, varios restaurantes mesturarán gastronomía galega e alemá e haberá actuacións musicais de primeiro nivel.

Por X.M. Fernández | Verín | 04/10/2021 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, comentaba na presentación da primeira edición da "Festa da Cervexa" --o pasado 30 de setembro-- que "o Concello retoma con forza a súa  axenda organizando eventos temáticos punteiros na súa materia e sempre de gran calidade".

Presentación da 'I Festa da Cervexa de Verín'. Foto: Prensa do concello
Presentación da 'I Festa da Cervexa de Verín'. Foto: Prensa do concello

Referíase así á decidida acción de goberno apostando por eventos atractivos que queren posicionar a vila como referente de cultura e lecer como se estaba a facer antes da pandemia. Lembraba así mesmo a boa acollida de público do "Festival Festival Internacional de Curtametraxes Vía XIV" e das recentes "Xornadas de Novela Histórica".

O evento terá lugar na nova zona verde da Preguiza e contará cunha carpa de 20x80 metros, dun aforo de 450 persoas, na que estarán colocados os postos de bebidas e alimentación. Os asistentes poderán sentarse en mesas colocadas dentro da carpa e haberá corredoiros habilitados para poder adquirir os produtos sen aglomeracións e respectando as medidas de prevención anticovid vixentes nestes momentos. O horario da feira será o venres día 8 de 19.00 a 23.00 horas e o sábado 9 de 12.00 a 16.00 pola mañá e de 19.00 a 23.00 h. pola tarde.

ATRACTIVOS DO EVENTO: CERVEXA, ALIMENTACIÓN E ANIMACIÓN MUSICAL

Manuel Lorenzo Feijoo, concelleiro de Transportes, Balnearios e Feiras, comentaba na presentación que haberá máis dunha vintena de variedades de cervexa, tanto nacionais como internacionais, que se poderán degustar nas casetas da festa. 

"En canto á oferta gastronómica", continuou Manuel Lorenzo, "instalaranse un total de seis postos de comida que ofrecerán aos asistentes pratos tradicionais galegos como polbo, xamón, embutidos, churrasco, empanada, polos asados e crepes salgados e doces así como tamén produtos alemáns como as típicas salchichas ao mais puro estilo Frankfurt".

A concelleira de Festexos, Emilia Somoza, referíase á ambientación musical do evento, "a cita contará con amenización musical en directo dentro e fora da carpa". O venres e o sábado, en horario de tarde, actuará a charanga local Fuego Street Band. O domingo, estirando a programación da feira, a Banda de gaitas Nova Era amenizará as rúas da vila cun pasarúas.

Como pratos fortes para as noites da feira, a partires das 23:30 h., estarán os grupos Mitic e Ortiga e durante as dúas xornadas haberá inchables para os máis pequenos e pequenas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta