Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/10/2021 | Actualizada ás 15:00
Medran as denuncias contra a polémica Mina de San Finx, propiedade do Grupo Sacyr e que leva anos no foco das asociacións ecoloxistas por supostos vertidos de materiais pesados a tan só sete quilómetros dunha zona protexida pola Rede Natura. Agora, as demandas das plataformas verdes focalízanse nunha circunstancia que podería poñer punto e final a unha das explotacións a ceo aberto máis criticadas de Galicia: a presenza de materiais radioactivos.
En concreto, e segundo informa Ecoloxistas en Acción, unha investigación da Universidade de Oviedo dá conta de concentracións "significativas" de uranio, un mineral radioactivo e de elevada perigosidade. A asociación vén de remitir o informe do centro asturiano á Xunta de Galicia para demandar a realización dun estudo radiolóxico "como parte do preceptivo procedemento de avaliación de impacto ambiental" da explotación mineira, que xa custou ao Estado Español algún toque de atención das institucións europeas.
Segundo aseguran dende a plataforma, a actividade da mina de San Finx "xa debía terse sometido á avaliación de impacto ambiental por tratarse dunha explotación con presenza de sulfuros, que provocan drenaxes ácidas de mina con elevadas concentracións de metais pesados", á parte de estar "a menos de 1 km de varios núcleos de poboación". Pero agora, "a presenza de uranio fai imprescindible que a mina sexa ademáis obxecto dun estudo radiolóxico que permita determinar os posibles impactos sobre o ambiente e a saúde das poboacións aledañas e das persoas traballadoras na propia explotación".
UNHA PRIMEIRA ALERTA EN 1981
Por riba, e segundo apuntan, a existencia de materiais radioactivos xa fora constatada hai agora 40 anos. "En realidade, a posible presenza de uraninita nas pegmatitas de San Finx xa fora apuntada nun estudo realizado en 1981 pola Comisaría da Enerxía e dos Recursos Mineirais do entón Ministerio de Industria, e que agora, 40 anos despois, confirma o estudo realizado no Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo", explican.
A organización ecoloxista sinala que as concentracións de uranio "non son suficientes para xustificar o seu aproveitamento comercial", que comerían a ser viables a partir de 40 ou 50 partes por millón (ppm), pero alertan que si son o suficientemente elevadas para a necesidade de realizar un estudo radiolóxico como parte da avaliación de impacto ambiental que Ecoloxistas en Acción e numerosos colectivos veñen demandando desde fai anos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.