Corrupción e fraude electoral en Vigo

A corrupción, o suborno, o enchufismo teñen unha longa historia en Galicia e en especial na cidade de Vigo. Non soamente é unha mal desta «democracia monárquica», tamén existiu durante o franquismo. Foi moi comentado o caso do director de prisións Fernando Lago Búa, que durante 1936 organizou unha trama de corrupción e de extorsións, servíndose dos dramas que vivían os presos republicanos, amoreados en distintos lugares de detención de Vigo e no campo de concentración da Illa de San Simón. Tan escandalosa actuación terminou nos xulgados, sendo Lago Búa fusilado o 5 de xaneiro de 1937 no Castro, xunto co seu socio o doutor Francisco Bustelo.

Por Lois Pérez Leira | Vigo | 23/02/2014

Comparte esta noticia
Case ao final da ditadura franquista foi moi soado -non soamente en Vigo senón en todo o Estado español- o caso de corrupción na concesión do transporte público ou mellor dito do inicio da privatización dos servizos municipais. Os feitos remóntanse á adxudicación do Servizo de Transporte Urbano Colectivo de Vigo. Daquela convocouse un concurso, ao que concorreron oito empresas. A corporación municipal viguesa celebrou unha sesión o 11 de maio de 1968 para votar a adxudicación e a maioría dos concelleiros votaron a favor da Sociedade Viguesa de Transportes VITRASA. O concurso público outorgaba a concesión para a implantación e explotación en exclusiva, dos servizos de transporte público de viaxeiros na cidade de Vigo.
 
En xullo dese ano realizouse a presentación oficial dos primeiros 30 autobuses e 2 microbuses e iniciouse o servizo con 16 liñas de longo percorrido. Sendo o primeiro día de servizo de balde e a tarifa de 2,50 pesetas.
 
Parte de quen votaran a favor da devandita empresa recibiron do conselleiro delegado da mesma, Señor Álvarez Arroxo, agasallos para as súas esposas. Estes obsequios e os seus destinatarios foron os seguintes:
 
Don José Álvarez Terreiro, un colar de perlas cultivadas, taxado en 17.000 pesetas e unha caixa de prata e esmalte, taxada en 5.750 pesetas.
 
Don José González Araujo, unha pulseira de ouro, taxada en 3.500 pesetas.
 
Don Ricardo Ladero Ordóñez, unha pulseira de ouro, taxada en 6.250 pesetas.
 
Don Jesús Lorenzo González Pérez, unha pulseira de ouro taxada en 5.750 pesetas
 
Don Manuel Mariño Lage, un colar de ouro, taxada en 8.000 pesetas.
 
Don Gonzalo Abundio Coello Cuadrado unha pulseira de ouro, taxada en 5.750 pesetas.
 
Don Severino Recondo Estévez, unha pulseira de ouro e ágatas, taxadas en 6.250 pesetas.
 
Don Darío Vila González, un reloxo de cabaleiro, taxado en 8.800 pesetas.
 
Don José Portela Álvarez un broche de ametista, taxado en 6.000 pesetas.
 
Don Carlos Espinosa Feijoo unha pulseira de ouro e perlas, taxada en 7.500 pesetas.
 
Don Juan Manuel Novo Melón, unha pulseira de ouro taxada en 7.500 pesetas.
 
Esta situación foi denuncia perante os tribunais, os once Concelleiros da corporación de Vigo foron xulgados e condenados por suborno. O xuízo tivo repercusión en todos os medios de comunicación de España.
 
A sentenza do tribunal Supremo ditaminou unha condena de dous anos de suspensión para ostentar cargo público, cinco mil pesetas de multa e o reintegro os agasallos recibidos para que sexan publicamente poxados e o seu importe reintegrado na facenda publica.
 
O fiscal argumentou durante o xuízo para poder condenar aos once concelleiros que “Toda aquela persoa que ostenta cargo público ou sexa funcionario e reciba obsequios en calquera momento de persoa ou empresa que teña relación co organismo en que o agasallado preste os seus servizos, comete delito de suborno”.
 
Logo viñeron os gobernos municipais da democracia, con eles as privatizacións dos servizos municipais e a corrupción. Ningún goberno anterior ou actual, esta libre segundo as denuncias realizadas, deste mal sistémico. Detrás desta política está o financiamento ilegal dos partidos do sistema, o enchufismo, o enriquecemento persoal. Todo isto demostra a ilexitimidade electoral dos partidos gobernantes, que empregan recursos económicos e humanos -produto da corrupción- para gañar as maiorías electorais, para gobernar. Isto chámase fraude electoral e é un delito de «Lesa Moral». Entrementres VITRASA -goberno tras goberno- segue renovando en exclusiva, o monopolio do servizo público de pasaxeiros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Lois Pérez Leira Naceu en Vigo en 1953, emigrando á Arxentina cos seus pais sendo aínda un neno. En 1990 retorno definitivamente a Galicia, especializándose en temas migratorios. Durante estes últimos anos escribiu numerosos libros sobre a emigración galega e impartiu distintas conferencias en distintos países do mundo. Nos últimos anos se dedicou ao documentalismo sendo director de 18 documentais. Na actualidade é o secretario xeral de Nova Esquerda Socialista, organización que participa do Novo Proyecto Común. Foi distinguido en numerososa oportunidades, sendo nomeado cidadán ilustre da cidade de Salvador de Bahia.