Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/10/2021 | Actualizada ás 21:15
Unha liña de 73 aeroxeneradores de entre 80 e 180 metros de altura na parte oriental do Xurés, entre a Serra do Larouco e o Candal, está sobre a mesa da Administración galega coa recente públicación do parque eólico San Martiño proxectado por Iberdrola no linde dos concellos de Baltar e Calvos de Randín e o portugués de Montalegre. O proxecto, de realizarse, situaría as máquinas a 600 metros do Parque Natural do Xurés e no interior da Área de especial interese paisaxístico Serra da Pena-O Couto Mixto.
Segundo informa a plataforma Stop Eólicos Xurés- Celanova, catro dos aeroxeneradores instalaríanse na mesma fronteira con Portugal, a unha distancia de apenas un quilómetro das aldeas de Sabucedo dos Peros e San Martiño dos Peros no lado galego, e a uns 800 da aldea lusa de Sendim. Ademais das afeccións á paisaxe derivadas de colocar os aeroxeneradores máis altos na Serra da Pena- O Couto Mixto, área declarada de especial interese paisaxístico, a plataforma tamén denuncia que terá impactos na Fraga da Rousía e nos Penedos da Raíña Loba.
Alén do impacto paisaxístico, a plataforma asegura que o complexo eólico proxectado afectará moi negativamente á natureza e ao patrimonio cultural, algo que dalgunha forma recoñece o propio documento de impacto ambiental. Así, a maquinaria situaríase a 248 metros da Reserva Transfronteiriza Xurés-Gerês e da Rede Natura e das áreas ZEC e ZEPVN e a 640 metros do Parque Natural do Xurés. No tocante ao patrimonio cultural, aínda por avaliar, están as posibles afeccións ao Castro da Boullosa, os túmulos de Anta e do Alto da Escusa, un posíbel neveiro no Alto da Frieira, e ao Castelo do Portelo.
Stop Eólicos Xurés- Celanova expón ademais que, cos cambios normativos que a Xunta anunciou a semana pasada, entre eles o de establecer a distancia mínima entre máquinas e vivendas a cinco veces a altura dos aeroxeradores, este proxecto sería inviábel.
A plataforma sinala ademais que o documento non informa dos efectos acústicos dos aeroxeradores en Portugal nin considera os impactos combinados do proxecto eólico San Martiño cos polígonos eólicos en territorio luso "cando no rango de dez quilómetros que atende o estudo sitúanse varias centrais eólicas, entre elas, a de Cabeço Alto, con 12 máquinas e á mesma altura que o Parque Natural do Xurés".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.