O rumbo do PSdeG de Valentín García: evitar máis divisións e recompoñer o partido

Afíns a Valentín González agardan que Caballero non se atrinchere na Portavocía parlamentaria porque iso, advirten, suporía o seu "suicidio político". O sector do aínda voceiro parlamentario lembra que gañou en Ourense e Pontevedra para facer valor o seu peso interno.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 02/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Que alivio!!!!... Esa é unha das palabras que se escoitan entre os afíns ao secretario provincial dos socialistas coruñeses, Valentín González Formoso, tras a súa victoria nas primarias á Secretaría Xeral do PSdeG celebradas este sábado. Un "alivio" que responde, sobre todo, á campaña de confrontación, moi dura, por momentos, entre os dous candidatos e que remata cun claro vencedor moi vinculado ao "aparato" tradicional dos socialistas galegos.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, co seu homólogo na provincia da Coruña e presidente da Deputación, Valentín González Formoso
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, co seu homólogo na provincia da Coruña e presidente da Deputación, Valentín González Formoso | Fonte: PSDEG-PSOE.

Alivio porque a campaña, como recoñecen varios históricos militantes foi "a cara de can" e porque representa o "inicio nunha nova era" para o sector vencedor. Pero, a pesar das fondas divisións coas que sae o PSdeG, a intención de Valentín González é "coser" o partido, evitando novas tensións co sector de Gonzalo Caballero a pesar, lembran, "de moi lamentables episodios como o acoso a Lage Tuñas".

"Dividir dividiu Gonzalo, nós queremos unir", apunta un dirixente consultado moi vinculado ao secretario xeral dos socialistas coruñeses que non descarta que González tente pactar con Caballero unha transición "tranquila" para evitar novos choques. E, un dos puntos máis quentes é a situación na que queda o Parlamento galego.

SITUACIÓN NO PARLAMENTO

Polo momento, Gonzalo Caballero anunciou que seguirá sendo deputado pero non o papel que manterá na Cámara. O seu número dous e un dos seus máis fieis colaboradores, Pablo Arangüena avanzaba este mesmo martes que, polo menos, seguirá ata o mes de Nadal. "Caballero é o portavoz e, como tal, correspóndelle facer as preguntas ao presidente", dixo e engadiu que "non ten sentido que haxa cambios" ata o congreso fixado para os días 7 e 8 de decembro. 

Os candidatos á Secretaría Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero e Valentín González Formoso, na sede da formación no Pino. PSDEG
Os candidatos á Secretaría Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero e Valentín González Formoso, na sede da formación no Pino. PSDEG

"O grupo parlamentario ten unha dirección, elixida polo propio grupo parlamentario, e vai seguir funcionando con total normalidade", defendeu, antes de subliñar que o congreso está convocado para decembro e aí adoptaranse "as decisións" que o PSdeG considere "oportunas". "Decisións", engadiu, que "poden ou non" ter reflexo no grupo e que, en todo caso, "veranse no seu momento".

Unha clara advertencia ao sector de Valentín Formoso que, aínda que gañador, sabe que ten un Grupo Parlamentario practicamente afín a Caballero que pode non acatar as ordes da Secretaría Xeral. De feito, este sector lembra que Gonzalo Caballero gañou claramente en Ourense e en Pontevedra e, aínda que perdeu as primarias, ten dúas provincias que o seguen apoiando. 

Destacados dirixentes consultados lembran que se pode repetir o acontecido en 1997, cando, tras a derrota de Abel Caballero nas autonómicas, Miguel Cortizo e Emilio Pérez Touriño acabaron competindo pola portavocía do grupo. Outros lembran outra etapa aínda pior, a de Paco Vázquez na Secretaría Xeral, "cando non acudía nin as reunions que él mesmo convocaba do partido en Santiago".

A TRADICIÓN SOCIALISTA: O ACORDO INTERNO

Con todo, a tradición socialista dicta que unha vez que se perde a batalla das primarias, o lóxico é que o partido, tanto fora como dentro do Parlamento, sexa dirixido polo novo secretario xeral. Por iso, o sector de Valentín agarda que Caballero non se atrinchere na Portavocía parlamentaria porque iso suporía o seu "suicidio político", advirten. Ademais, a presión sobre o resto dos parlamentarios sería moi forte. De feito, algúns deles, que apoiaron e seguen apoiando a Caballero xa amosaron a súa disposición a falar co novo líder socialista.

E, aínda que ambos os dous contendentes das primarias aínda non falaron, é probable que, ben a través dos seus equipos e logo, quizais, de xeito persoal, tenten pactar a configuración do futuro grupo parlamentario. Neste punto, e segundo as fontes consultadas por GC, Valentín García podería "non impor" un nome, sempre e cando haxa consenso entre os dous sectores e, sobre todo, que o futuro voceiro, siga as directrices da Secretaría Xeral e non sexa Gonzalo Caballero.

Ao seu favor ten, ademais, que todos os grandes dirixentes socialistas, presidentes provinciais, alcaldes e mesmo o sector máis afín a Caballero, o de Pontevedra, xa se ten pronunciado a favor de González Formoso. "Unha vez que falaron as militantes e os militantes, é a hora de fortalecer ao Partido Socialista de Galicia, de traballar moito e de traballar xuntos", dicía este martes a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. 

O propio Abel Caballero, que dixo ter votado polo seu sobriño, evitou apoialo este martes. O alcalde vigués lembrou que non fala "de cuestións do partido", aínda que matizou que está "orgulloso de ser do PSOE".

OBXECTIVOS

Segundo as fontes consultadas, o novo líder do PSdeG quere evitar máis divisións e tentar recompoñer o partido para tentar gañar "o terreo perdido" fronte o BNG. "Durante a súa campaña xa dixo que o seu obxectivo non é seguir sendo a terceira forza do Parlamento, nin tan sequera a segunda, senón a primeira", suliñan. 

Por iso, a partir de agora, e tras solventar a situación do grupo parlamentario socialista, o obxectivo é iniciar unha campaña pública para dar a coñecer os logros do socialismo en Galicia de cara a outra gran futura batalla, a da Presidencia da Xunta en 2024. Pero, para entón, tamén haberá que ver quen é o candidato sociaista, se o o propio Valentín González ou outra persoa afín.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta