Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2021 | Actualizada ás 18:58
A Comisión 1ª Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento de Galicia, aprobou por unanimidade a Proposición Non de Lei do grupo nacionalista para a posta en marcha de campañas formativas sobre as tarxetas revolving, así como un sistema de mediación que permita aos prexudicados obter a nulidade dos contratos ou cláusulas abusivas e a devolución das cantidades ilegalmente satisfeitas.
Segundo explicou o propio BNG, as 'revolving' son un tipo de tarxeta no que o titular pode dispor dun límite de crédito determinado, normalmente non moi elevado, que terá que devolver mediante o pago dunha cantidade periódica e non limitada no tempo. Habitualmente o pago realizarase mediante cotas fixas que, na maior parte, afrontan o pago de intereses e só nunha reducida contía ao importe do principal prestado.
O grupo nacionalista explicou que gran parte dos consumidores deste tipo de cartóns "carecía de información suficiente sobre o produto que estaba a contratar, sen coñecemento das súas características e sobre condicións en que o facía, adquirindo así un crédito perpetuo".
Así, indicaron, os cartóns revolving no 2020 supuxeron máis dun 8,5% de todas as reclamacións recibidas polo Banco de España, que viu como se incrementaron nun 50% as recibidas sobre este asunto no exercicio anterior.
"Existe un número moi importante de familias que están a padecer as consecuencias da contratación dun crédito usurario de cuxo contido e funcionamento nin son, nin foron conscientes no momento de contratalo, e que en moitos casos ofrecéronllos sen que o demandaran, aproveitando unha situación de urxente necesidade".
INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO
Aqueles que optan por denunciar, destaca o BNG, ven "dobremente castigados", xa que estes procesos xurídicos levan uns custos e unha retardación no funcionamento da administración de xustiza.
Así, aínda que o grupo socialista indicou estar de acordo coa PNL, emendouna para incluír o papel que debe xogar o Instituto Galego de Consumo nestas campañas. Os socialistas solicitaron que este organismo promova accións dirixidas a pór en coñecemento da Fiscalía os feitos, co fin de impulsar procedementos tendentes á cesación da cláusula abusivas nos contratos financeiros.
Pola súa banda, os populares defenderon o seu labor neste campo, no que xa se realizaron accións formativas e de concienciación; razón pola que pediron destacar na iniciativa que "a Xunta continúe traballando" neste ámbito.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.