Por admin | GC ABERTO | 19/11/2021
Unha vez máis, comprobamos como, en momentos especiais, o inconsciente fala, revelando a verdade profunda da persoa, e amosándonos que o imaxinario inquisitorial segue máis vivo que nunca na dereita española.
Iso foi o que lle pasou a Pablo Casado, líder do PP, cando viu a imaxe daquelas cinco mulleres na escena pública. É a súa condición feminina a que fai emerxer do máis profundo do seu inconsciente a España negra, a España inquisitorial que leva dentro e da que é representante cualificado. Tal é a interpelación que lle produce esta imaxe, que non dubida en clasificar a comparecéncia como aquelarre e, en consecuencia, os seus compoñentes como meigas, "sorgiñas" en éuscaro.
O que non dixo, pero está implícito no seu nomeamento incriminatorio, é que estas, perseguidas e queimadas pola Inquisición española, eran as que celebraban as súas reunións no prado do cabrón, “Akelarre” en éuscaro.
No seu estado de ánimo inquisitorial, parece non ser consciente do que di esa valoración sobre el e o seu partido.
Sorprende que ninguén poña no seu lugar este novo Torquemada, dada a gravidade das súas declaracións que, neste momento, supoñen deixar a estas mulleres a mercé dos inquisidores que proliferan na España negra.
En Euskal Herria coñecemos ben esa mentalidade inquisitorial española por tela padecido no pasado e tamén no presente.
Nicolás Xamardo
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.