O PSdeG pedirá a devolución dos orzamentos ao considerar que non teñen proxecto "para a reactivación"

Critica que o PP pretenda suprimir o imposto que grava máis ás rendas de máis de 100.000 euros para "priorizar a súa alianza cos ricos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/11/2021 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, avanzou que o seu grupo pedirá a devolución do proxecto de orzamentos da Xunta para 2022 ao considerar que "non están á altura" das necesidades de Galicia.

Nunha rolda de prensa celebrada este venres, o dirixente socialista avanzou que, no pleno que se celebrará o vindeiro luns na Cámara galega, a súa formación presentará unha emenda á totalidade "con petición de devolución" para que o Goberno entenda que son necesarias unhas contas á altura da reactivación.

"Atopámonos cun proxecto de orzamentos do PP que carece de impulso, de ambición, das medidas e prioridades que Galicia necesita para a reactivación", afirmou para soster que a Xunta debe "reconsiderar" a súa política orzamentaria.

Neste sentido, asegurou que as contas presentadas polo Goberno galego "non teñen modelo económico nin proxecto para a reactivación". Ademais, dixo que "son netamente de dereitas" e que "carecen de compromiso progresista para loitar contra a desigualdade".

Gonzalo Caballero criticou que a política orzamentaria da Xunta consista "simplemente" en levar un documento ao Parlamento de Galicia. "Pero é necesario que detrás das contas exista un proxecto e un modelo para a reactivación, por iso imos levar adiante unha formulación distinta", apuntou.

Entre outras cuestións, criticou que as contas non inclúan medidas para combater a crise industrial e que "reduzan os fondos da Atención Primaria e saúde pública" nun contexto no que "Feijóo di que ten medo a unha sexta onda da covid".

MÁIS INVESTIMENTO EN SANIDADE, EDUCACIÓN E CONCELLOS

Fronte a iso, avanzou que, nas súas emendas, o PSdeG pedirá máis investimento en Atención Primaria, en persoal hospitalario e na promoción de hábitos de vida saudable.

Ademais, reclamará a gratuidade dos libros de texto e das primeiras taxas universitarias, apostar pola dixitalización e a calidade da educación, así como máis fondos para profesorado e comedores.

Outra cuestión que os socialistas reclamarán será o incremento do financiamento para os concellos e máis medidas en política social, como o reforzo do persoal de inspección en centros residenciais e de día. Tamén esixirán que a gratuidade das escolas infantís se poñeen marcha xa no principio do ano, sen esperar ao curso que vén.

"FISCALIDADE PROGRESISTA"

Ademais dunha aposta polas políticas activas de emprego e o reforzo das medidas de igualdade e loita contra a violencia de xénero, outro asunto no que o PSdeG incidirá será na necesidade de aplicar "unha fiscalidade progresista".

Así, asegurou que os socialistas galegos están "perplexos" ante a decisión do Partido Popular de emendar ao propio goberno da Xunta para suprimir a subida do imposto sobre a renda das persoas físicas para aqueles ingresos superiores a 100.000 euros.

"A emenda do PP en favor dos millonarios demostra que estes son uns orzamentos de dereitas, nos que o PP quere priorizar a súa alianza cos máis ricos no canto de fortalecer a sanidade, a educación e as políticas sociais", apuntou.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa. GRUPO PARLAMENTARIO PSDEG
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, en rolda de prensa. GRUPO PARLAMENTARIO PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta