Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/11/2021 | Actualizada ás 16:59
A central térmica que a empresa Endesa ten situada nas Pontes de García Rodríguez reactivou a primeira hora da mañá deste luns, tal e como estaba previsto, un dos catro grupos de xeradores ante o contexto de auxe de prezos da electricidade e as baixadas de temperaturas, que provocan un aumento do consumo enerxético.
A planta, en proceso de peche desde finais do ano 2019, estará operativa, como mínimo, ata o vindeiro venres, xa que o funcionamento da central planifícase semanalmente.
Para poder operar, a empresa eléctrica conta con 140.000 toneladas de carbón --unha parte no propio parque de carbóns anexo ao complexo e outra no porto exterior de Ferrol-- que durante estes días están a ser trasladadas por estrada polos transportistas.
Por outra banda, o director da térmica, Ignacio Sáinz, detallou que se trata dun "arranque excepcional". "Débese ás condicións de mercados singulares que estamos a ter actualmente e que non cambia o compromiso de Endesa co peche das centrais de carbón", continuou.
Así, abundou en que "se mantén a tramitación de autorización administrativa de peche e todo iso dentro dos obxectivos da empresa de descarbonización e pola falta de competitividade do centro nos últimos anos".
Actualmente é un dos grupos o que está en funcionamento. Sáinz explicou que "dos catro grupos xeradores, que totalizan 1.400 megawatts, unicamente dous deles serían capaces de cumprir os límites de emisión legais actuais".
Ademais, a explotación do centro están a realizala "unhas 70 persoas de persoal propio e un volume similar de traballadores de empresa auxiliares", asegurou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.