Cando as monxas do rural galego se enfrontaron ao Papado na defensa das súas propiedades

'As desterradas', peza teatral de Carme Varela gañadora do último premio Álvaro Cunqueiro, vén de reeditarse. Falamos coa autora, que ademais de relatar unha loita histórica en chave de muller, denuncia o "sanguento" estado de abandono no que se atopan as ruínas do mosteiro de San Salvador de Albeos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/12/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Comezou a escribir con 48 anos e da súa primeira experiencia na escritura resultou o texto gañador do último premio de textos teatrais Álvaro Cunqueiro. Carme Varela, presidenta da Asociación O Sorriso de Daniel, é a protagonista da fazaña. A autora dunha peza de carácter histórico que rescata un episodio pouco coñecido da nosa historia: a persecución á que se viron sometidas as monxas bieitas galegas a finais do século XV e comezos do XVI por parte da Coroa de Castela e o Papado.

Mosteiro de San Paio de Albeos
Mosteiro de San Paio de Albeos | Fonte: Crecente.es

Un episodio relatado nunha peza teatral que leva por nome 'As desterradas', editado por Xerais en xuño do ano pasado e que xa agora veñen de reeditar. "Estou moi contenta pola boa recepción que está a ter, porque mentres que si hai, por exemplo, un público lector de poesía, creo que falta por crear ese público lector de teatro máis alá do interese profesional da xente que traballa nel", comenta. 

A idea de escribir a peza, relata a autora, xurdiu cando dende a asociación traballaban nas ruínas do Mosteiro de Albeos (en Crecente) e percibiron que era preciso "pisar un pouco o acelerador para que a xente coñecera o que pasou aí". Porque malia que o proceso de abandono do mosteiro é coñecido polos historiadores galegos, as xentes da contorna non coñecían quen habitara realmente o lugar: "todo o mundo nos remitía á desamortización de Mendizábal do século XIX, cando en realidade non tivera nada que ver, e pensamos que un xeito acaído de que a xente comprendera o que pasou era escribir unha peza de teatro que dera as craves dos acontecementos históricos que motivaron o abandono do mosteiro".

Precisamente, o carácter histórico da peza foi un dos aspectos que valorou o xurado para outorgar o premio, pois considerou que 'As desterradas' é toda unha proposta de elaboración e fabulación sobre un material histórico que colle forma grazas á construción de personaxes, narrativas e situacións nas que acontecen os diálogos. Ademais, salientan o ton, ritmo, musicalidade, e sutileza na sintaxe, así como a preocupación estilística e a boa estrutura do traballo. Tamén, o "espazo dramático capaz de construír diferentes atmosferas que deixan ver a resiliencia das mulleres e o seu empoderamento, en paralelo ao da propia identidade colectiva galega".

UNHA LOITA EN CLAVE DE MULLER

'As desterradas' trae ao presente o acontecido a finais do século XV e comezos do XVI a partires de que a orde de San Bieito de Valladolid quixera emprender unha reforma dos mosteiros benedictinos galegos.

O obxectivo da reforma, explica Carme Varela, era concentrar os 15 mosteiros benedictinos femininos que había en Galicia en San Paio de Antealtares, en Santiago. E detrás da concentración estaba o intento de ter un maior poder sobre as propiedades, pois os mosteiros nos que había un foco de poder feminino na Galicia rural quedaban fóra do control da orde. "Eran mosteiros moi independentes que traballaban o seu territorio e deixaban pouca marxe para que controlasen o que elas facían", relata.

Pero estas abadesas, que eran moitas e desconformes, decidiron defender o traballado. Comezaron unha pelexa na que tiñan todas as de perder e finalmente perderon pero que durou anos. Unha loita desigual contra a Coroa de Castela, que apoiaba á orde de San Bieito de Valladolid, e finalmente tamén contra o Papado, porque aínda que ao principio apoiaba ás monxas, a Coroa de Castela conseguiu cambiar tamén o posicionamento de Roma.

Eses anos que durou a loita deixou episodios para a Historia, entre os que destaca a presidenta de O Sorriso de Daniel, está aquel momento no que as monxas desobedeceron  nunha fuxida cara adiante: cando, xa en Antealtares, escaparon e volveron ocupar os mosteiros para facerse coas súas propiedades.

É unha loita en clave de muller, non si?

Sí, é unha loita feminista. A mesma pelexa dáse nos mosteiros masculinos pero elas, eu creo que rabiosamente, defenden con máis fiereza esa posición. Porque os homes tiñan centros de poder nos que refuxiarse pero elas só tiñan iso e se perdían iso, perdíano todo. Entón é claramente un momento no que estas mulleres relixiosas se reivindican a si mesmas como donas dos seus destinos. É unha loita en crave de muller clarísima.

O TEATRO:  AQUÍ E AGORA

Por agora sen ningún outro proxecto teatral en mente, Carme Varela non descarta embarcarse noutro proceso creativo--"escribir é case un veleno que probas e dis 'pois está bo este veleno'", chancea-- pero de facelo non sabería dicir se volvería elixir outra temática histórica. "Creo que o mundo está cheo de historias anónimas que merecen que nos interesemos por elas", di. A autora de 'As desterradas', con todo, destaca que o teatro histórico ten un interese que permanece, ao contrario doutras modas efímeras:

"Sempre hai xente á que lle interesa viaxar no tempo e descubrir épocas e conflitos pasados, personaxes que ao mellor coñecemos dende un ángulo e ao mellor nos gustaría coñecer dende outro".

Nesa capacidade intrínseca ao teatro, a do aquí e agora, de contemplar algo que non vai volver a suceder nunca do mesmo xeito, a autora ve unha ferramenta.

"O teatro é maxia porque dá esa sensación de que estás vendo algo que só ti estás a ver nese momento, porque se vas á representación do día seguinte xa non vai ser exactamente como ti a viches o día anterior. Entón tes unha sensación de espectador privilexiado que o cine ou a televisión non dá. É unha ferramenta marabillosa mesmo a nivel didáctico e pedaóxico, e hai aí unha serie de temas que abordados dende o teatro axudarían tamén na Educación".

UN TÍMPANO BIFACE ÚNICO E ABANDONADO

A asociación O Sorriso de Daniel vén de sacar á rúa o calendario que editan todos os anos coas fotografías de Soledad Felloza. Xustamente este ano centráronse nos mosteiros destas abadesas que seguiron o mesmo proceso que se seguiu en Albeos, con instantáneas de todos os mosteiros femininos benedictinos que foron suprimidos na reforma. Ademais, conta que dende a asociación estiveron a realizar traballos de limpeza no mosteiro de San Salvador de Albeos, "absolutamente abandonado".

"Cremos que polo menos sería interesante abordalo dende unha intervención arqueolóxica, que ben a merece, para buscar todo o perdido", explica. Coñecer así a planta do mosteiro e intentar dar con pezas agochadas que "seguramente se poderían atopar". Tamén, arbitrar medidas para poñer en condición "pezas tan importantes como o Tímpano de Albeos, que está desfacéndose como nata ao sol". Pero Concello e Deputación de Pontevedra non semellan ter interese e a Xunta nin sequera respostou.

É especialmente sanguento tendo en conta que é unha peza moi singular?

Claro. É certo que Galicia ten máis de 800 igrexas románicas e hai moitas en bo estado porque teñen uso e o propio uso condiciona que sigan así, pero o caso de Albeos, que leva en desuso tanto tempo, pois é lamentable. É un caso excepcional, case tan excepcional coma o seu tímpano, que é dos poucos tímpanos bifaces que hai en Galicia e ninguén mira por el. Aínda que non teño o número exacto, en Galicia non creo que haxa máis de cinco tímpanos coma ese. Non se entende porque ademais estamos falando dunha intervención non moi costosa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Riolo

Esto parece una manera muy políticamente correcta - desde las modas políticas del momento - de defender el caciquismo feudal de toda la vida que es la gran lacra de esta tierra. Lo era hace 500 años y lo es ahora.

1 Burundi

Se non ten nada intelixente que dicir, mellor non diga nada, Riolo. Defensa do caciquismo feudal? Lea a obra e verá. Claro que o falar non ten cancelas. Modas políticas do momento? Ah, claro, as protagonistas son mulleres. Feminazis, dirá vostede. Ande, cale e lea un pouco. Non lle fará mal ningún.