Non sei a razón, pero aquela cantiga animoume a coñecer máis a personalidade deste rapaz que comezaba a camiñar no mundo da música. E dende aquela fun seguindo os seus discos pois, ademais da voz de barítono deste catalán universal, chamábanme a atención as letras; pois todas tiñan mensaxes moi interesantes. Eran os anos nos que os chamados cantautores tiñan moito espazo musical. Eses cantantes medio poetas que presentaban as súas pezas a golpe de voz acompañados cuns acordes sinxelos de guitarra. Son moitos os nomes que lembro. Direi algúns: Manolo Diaz, Paco Ibañez, María del Mar Bonet, Cecilia, Victor Manuel, Aute e un longo etc. Daquela todos falaban de liberdade. Era xente que traía unha linguaxe nova e moi distinta á música que circulaba nas emisoras daquel tempo. Era un aire fresco que falaba de problemas do momento e de realidades moi distintas á vida que a oficialidade do réxime publicaba no parte diario.
Naqueles anos, onde a música que reinaba era a da chamada copla española, aquela cantiga en catalán chocábame moito e viña a dicirme algo: Se vives en Galicia e tes unha lingua propia, emprégaa, polo que canta e fala e faino sen complexos.
Naquela década de efervescencia social, a finais do sesenta, comezaban a xurdir e a escoitarse os compoñentes do grupo de cantautores galegos coñecido como Voces Ceibes e tamén un grupo ourensán que naceu con ex alumnos do Seminario: Folk Cantigas. Que lembranzas as deste fato de rapaces que cantaban aquelo que dicía: “Desperta rexión asoballada e mírate no espello que tes diante...” ou aquela outra: “Algo cheira a podre ó noso arredor cando lle cortan as alas ó paxaro pra non voar; cando nin se pode loitar polos demais...”
Pois ben, nese tempo Serrat poñíalle voz a Antonio Machado, a Miguel Hernández e a outros poetas. Tamén musicaba textos propios, todos realmente fermosos. E nesa liña seguiu ate os nosos días. A súa estela poética e musical deixa tras de si un fato de fermosas cantigas que nos fan meditar e lembrar que nas cousas máis sinxelas da nosa existencia hai poesía. Atrás quedan títulos como: El titiritero; Le llamaban Manuel; Fiesta, Cantares, Mediterráneo; Esas pequeñas cosas; Romamce de Currito el Palmo; e un sin fin de nomes que marcaron un tempo e unha maneira de plasmar na música a realidade dunha sociedade que fuxía do branco e negro e camiñaba cara a modernidade.
A día de hoxe ós cantautores son máis escasos. Quizais a situación política daqueles anos axudou a que ese fenómeno cultural tivera tanta resonancia. Hoxe mandan outros ritmos importados sen contido social e soamente pensados para a divertimento. Vivimos o tempo do contorneo senxual e o chunda chunda que o invade todo. En fin, Serrat marcou unha época que tivo unha característica: mesturar poesía e música dunha maneira que o fermoso ten a capacidade de transmitir beleza sensibilidade ademais de mensaxe con contido. Que siga nesa liña moitos anos, aínda que non sexa dende os escenarios.