Centros de menores CIEMA e Concepción Arenal: xestión privada, salarios conxelados e superávit

O cadro de persoal dos centros que xestiona a Funcación Camiña Social na Coruña piden unha suba dos salarios que levan sete anos conxelados. Sumado a isto está a negativa do persoal a entrar no convenio marco estatal, como aseguran lles propón a Fundación. Ademais, as forzas sindicais falan dun superávit de case seis millóns de euros e non entenden por que non se invisten en melloras e subas salariais.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 01/01/2022 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

Os traballadores e traballadoras dos centros de menores CIEMA e Concepción Arenal, xestionados pola Fundación Camiña Social mais de titularidade pública, reclaman á fundación o aumento dos seus salarios logo de máis de sete anos coas súas pagas conxeladas. Esta parte choca coa comprobación por parte dos sindicatos que a Fundación posúe un superávit de case seis millóns de euros logo de comprobar as contas por parte de expertos sindicais. Alén diso, durante as negociacións para o aumento salarial e renovación do convenio laboral, sen cambios desde 2014, o persoal rexeitou abandonar o convenio propio de empresa e pasarse ao convenio do sector (convenio estatal) a partir do ano 2022, tal como lles propón a Fundación Camiña Social.

protesta traballadores Camiña Social
protesta traballadores Camiña Social | Fonte: ccoo

SALARIOS CONXELADOS E RENOVACIÓN DO CONVENIO

“Levamos máis de sete anos cos salarios conxelados e desde a parte empresarial dicíasenos que o diñeiro era da Xunta e a situación económica da Fundación non permitía mellorar a situación” di Martín Concha, da CIG. Desde UGT sinalan que levan “un ano de negociación para subir o salario” e a impresión é que “a Fundación quere ser competitiva para acceder a recursos da Xunta de Galicia, ser competitivos nun tema delicado como son os menores”. As últimas subas salariais “foron logo de asinar o convenio de 2013, aumentaron os incentivos e subiuse un 0,5% os salarios” di Henrique Segade de CCOO.

As negociacións coa Fundación frearon ante o desencontro entre Fundación e representantes dos traballadores e traballadoras, cando se tratou a sinatura dun novo convenio colectivo. “Ofrecen pasar ao cuarto convenio estatal de menores e ninguén quere porque suporía perda de dereitos e de capacidade para negociar” sinala UGT. O convenio de 2013 era un convenio de empresa que permitía unha negociación directa entre os traballadores e dirección. A entrada nun convenio estatal limitaría estas marxes de negociación pois ao ser unha negociación máis xeral, o persoal dos centros que xestiona Camiña Social teme perder capacidade negociadora.

Martín Concha sinala que “durante as negociacións para o convenio a Fundación só ofrecía uns leves cambios, votamos non a esa postura e a resposta deles foi a de entrarmos no convenio estatal”. A raíz desta postura foi a de “pedirmos a recuperación de poder adquisitivo perdido durante estes últimos anos dentro do IPC, a resposta foi que para seren competitivos non poden facer fronte aos cambios salariais”. Isto último confírmao Henrique Segade sinalando que “a empresa non quere negociar un convenio propio para poder entrar no estatal e así seren “máis competitivos”.

Desde a Fundación Camiña Social, o seu coordinador Antonio Campanón sinala que nestes momentos “estamos dentro dun proceso de negociación onde queremos achegar posturas, os traballadores e traballadoras cos seus puntos e nós cos nosos”.  Antonio Campanón reitera que “non é a primeira vez que sucede algo así” ademais de que a vixencia do convenio de 2013 continúa, “agás que se presente unha denuncia por unha das partes que o deixara sen efecto”. Sobre a entrada no convenio do sector (convenio estatal), o coordinador responde que “se se fai sería a partir de 2022 sendo máis alto que o actual e aumetando ano a ano”. Desde Coordinación, a entrada no convenio do sector permitiría “adiantar diñeiro que debera cobrar en 2024”.

REMANENTES

Durante as negociacións, a parte laboral pediu examiar as contas da Fundación para verificar se en efecto, a parte empresarial non podía facer fronte no momento a unha suba salarial. “Accedemos ás contas, houbo que ir a Lugo, onde está a sede da Fundación e ao final, segundo os expertos que enviamos os sindicatos, as contas estaban saneadas” di Martín Concha.

Esta Fundación xestiona un servizo público e para iso recibe diñeiro da Consellería de Política Social, ese diñeiro público está todo acumulado” din desde UGT. “Os cálculos apuntaban remanentes de 5,5 millóns de euros” especifica Henrique Segade. Ante isto, Antonio Campanón responde: “é certo que pode haber superávit, mais non é así todos os anos porque uns pechamos en negativo e outros en positivo e debemos ter en conta os investimentos realizados nese ano”.

Os sindicatos coinciden na resposta enviada desde Camiña Social, a necesidade de “ter músculo financeiro” para poder afrontar novos concursos públicos da Xunta. “Para entrar nun concurso faise con prezos baixos e logo pode ir subindo” até unha nova convocatoria, pois a xestión ten un límite temporal.

A situación é que os traballadoras dos centros de menores CIEMA (menores en réxime aberto) e Concepción Arenal (réxime pechado) levan case unha década cos salarios conxelados e piden os aumentos correpondentes. A Fundación Camiña Social, despois de varias peticións segundo os sindicatos, deixou examinar as contas e agora mesmo existe un remanente de 5,5 millóns de euros que non foron investidos en salarios nin en melloras materiais. A Fundación di necesitar músculo financeiro para afrontar novos concursos.

Finalmente, outro punto de desencontro entre Camiña Social e persoal é o convenio laboral. Desde a Fundación indican que se ofreceron unha serie de modificacións que non aceptaron os sindicatos, de aí a intención de integrarse no convenio de sector ou estatal, punto este rexeitado firmemente polo persoal ante o temor de perdas tanto en poder adquisitivo e salarial como en capacidade negociadora para o futuro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta