O Programa Estatístico 2022 de Galicia recollerá 154 estatísticas sobre territorio, poboación ou sociedade

Inclúe ademais 49 actuacións para "profundar na difusión e análise da información dispoñible sobre Galicia".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2022 | Actualizada ás 12:18

Comparte esta noticia

O Programa Estatístico para 2022 --o primeiro do Plan Galego de Estatística 2022-2026-- recolle 154 estatísticas sobre territorio, poboación, sociedade, estrutura produtiva e tecnoloxía "con resultados que incrementan a oferta informativa proporcionada polo sistema estatístico español e europeo".

Segundo informou a Xunta de Galicia nun comunicado, o Consello Galego de Estatística aprobou esta semana o programa, que inclúe ademais 49 actuacións para "profundar na difusión e análise da información dispoñible sobre Galicia".

Entre as actuacións previstas no programa, sinalan, atópanse as proxeccións de poboación e a estatística sobre esperanza de vida sen limitacións, a procura de estándares e fontes para abordar o sector aeroespacial de Galicia e o marco 'input-output' para describir o proceso produtivo e os fluxos de bens e servizos da economía galega.

En canto á oferta territorial, tamén aumenta, posto que se inclúe un estudo sobre a renda dos fogares a nivel municipal e a difusión dos datos de poboación, paro, afiliacións e pensións con detalle por cuadrícula dun km2.

O Goberno autonómico lembrou que o novo Plan Galego de Estatística 2022-2026 "supón un marco legal que consolidará e ampliará os logros dos anteriores" e "colocará a Galicia entre as Comunidades dotadas dun sistema estatístico acorde cos principios internacionais de boas prácticas".

Incidencia dos fogares con persoas asalariadas sobre o total de fogares por áreas (2018) | IGE- Arquivo
Incidencia dos fogares con persoas asalariadas sobre o total de fogares por áreas (2018) | IGE- Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta