Por Europa Press / Redacción | MADRID | 10/01/2022 | Actualizada ás 12:53
España ten un déficit de máis de 75.000 prazas en residencias de maiores, segundo recolle un informe da Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, elaborado con cifras do Imserso e recolleito por Europa Press. Un déficit que en Galicia é de máis de 14.000 prazas.
Segundo o informe, ao finalizar o ano 2020 había 5.529 centros residenciais en España, 13 menos que o ano anterior, 1.451 deles públicos (16 máis que o ano anterior), e 4.078 privados (29 menos que antes da pandemia). En canto ás prazas, había 389.677, "só 643 máis que un ano antes".
O resultado, segundo precisa a Asociación de Directores e Xerentes de Servizos Sociais, é "un maior déficit de prazas residenciais ano a ano". En 2014 faltaban 53.103 prazas para alcanzar o cociente do 5% que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS) --cinco prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos--, e no último ano este déficit alcanza as 75.699 prazas.
Ademais, atendendo á demanda que existe actualmente sen atender, o informe detalla que serían necesarias "de maneira inmediata non menos de 62.000 prazas" residenciais para as persoas con Dependencia Severa (Grao II) ou Grandes Dependentes (Grao III).
Segundo datos oficiais do IMSERSO, correspondentes a novembro de 2021 e recollidos pola Asociación, hai en lista de espera 91.729 persoas con Grao II e III, aos que hai que sumar 67.000 pendentes de valorar e que previsiblemente obterán un deses graos, o que eleva o número ata as 158.729 persoas.
A asociación estima que catro de cada dez deles demandarían un servizo residencial en praza pública, concertada ou en prestación vinculada a ese servizo. De aí a previsión de que serían necesarias entre 62.000 e 63.000 prazas residenciais só para atender a demanda da lista de espera, o denominado "limbo da dependencia".
Por comunidades autónomas, o informe pon de relevo que aquelas con maior déficit de prazas son Andalucía, Comunidade Valenciana e Galicia, con 30.236, 22.860 e 14.331 respectivamente. Mentres, en cinco comunidades hai un exceso de prazas, destacando Castela e León, con 17.541.
Doutra banda, o informe revela que case dous de cada tres prazas residenciais de maiores son de financiamento público, o 63,2% do total, que inclúe prazas en centros públicos, prazas concertadas en centros privados, e prazas que se financian coa prestación vinculada ao servizo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.