Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2022 | Actualizada ás 17:00
A maioría dos traballadores da planta que a empresa Leite Celta ten na localidade de Pontedeume secundaron no mediodía deste luns, 17 de xaneiro, o terceiro paro convocado polo comité de empresa tras a ruptura das negociacións entre a dirección e a parte social do novo convenio colectivo.
Segundo trasladou a presidenta do comité de empresa, María Xosé Vizoso (CIG), "os traballadores seguen apoiando estas mobilizacións", que se desenvolven durante catro horas, de 12,00 a 16,00 horas. "Ata o día de hoxe non tivemos ningún tipo de achegamento nas posturas, nin mesmo establecemos reunión algunha", lamentou.
A pesar diso, Vizoso detallou que "non" van "seguir" manténdose "nos mesmo termos". "Cos tres días de folga esta semana, hoxe luns, mañá martes e pasadomañá mércores, co mesmo horario, e de non haber ningún tipo de achegamento continuaremos a próxima semana, pero xa con catro xornadas, de luns a xoves", dixo, cando finalizaría o calendario de protestas que aprobaron en asemblea.
PENALIZACIÓNS
E é que a parte social, representada de maneira maioritaria pola CIG, con sete dos nove delegados, estima que a dirección da empresa pretende establecer "un sistema retributivo que suporía por unha banda penalizar salarialmente ás persoas que enfermen ou que gocen de licenzas retribuídas".
Por outra, "condiciona o incremento económico a uns parámetros nos que as persoas afectadas non poden incidir", manifestou a presidenta do comité de empresa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.