Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2022 | Actualizada ás 12:34
A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) vén de instar ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a adoptar "as medidas necesarias" para implantar o sistema de gardas de 24 horas nos xulgados da Coruña e Vigo. Fíxoo remitindo un escrito directamente ao presidente da Xunta e ao Defensor do Pobo, ante a "falta de resposta" a unha petición anterior na que solicitaban ao goberno da Xunta informar sobre o calendario previsto para poñer en marcha o sistema de gardas.
Segundo puido saber o sindicato, existen na actualidade partidas específicas nos Orzamentos Xerais do Estado para a implantación deste servizo, “polo que parece de todo incrible que o Estado considere a necesidade do mesmo e que a propia Xunta, que tanto di mirar polos seus cidadáns. non dé o paso necesario para levalo a efecto”. Para CSIF, a creación de novas unidades xudiciais ou de prazas "non pode nin debe ser a escusa" para demorar máis a implantación das gardas de 24 horas, "máxime cando existe esa partida orzamentaria" e a Comunidade Autónoma vai recibir, ademais, unha cantidade significativa dos Fondos Europeos.
A Central Sindical, tras varias reunións cos axentes implicados (TSXG, CGPJ, Ministerio de Xustiza, Partidos Políticos, Xunta de Xuíces, Avogados, Procuradores, etc.), obtivo o apoio de todos eles sobre a "necesidade de seguir insistindo nun tema tan importante e necesario". “Feijóo debe recapacitar e adoptar as medidas necesarias para estas gardas, pois se trata dun servizo necesario, demandado e fundamental para que todos os galegos dispoñan dunha Xustiza digna e de calidade, en igualdade de condicións aos cidadáns das restantes Comunidades Autónomas", zanxan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.