Catro zonas de produción de moluscos de Galicia melloran a súa clasificación microbiolóxica

A mellor clasificación facilitará o labor do sector.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2022 | Actualizada ás 17:39

Comparte esta noticia

A melloría dos resultados obtidos nos controis que realiza periodicamente o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), dependente da Consellería do Mar, nas zonas de produción de moluscos bivalvos da comunidade permitiu que, desde esta semana, catro desas áreas produtivas teñan unha mellor clasificación microbiolóxica, o que facilita o labor do sector.

Segundo informou a Xunta a través dun comunicado, as análises realizadas nestas zonas de traballo revelaron de maneira continuada unha menor presenza da bacteria E.Coli que na súa anterior clasificación, o que permitiu cambiar a súa catalogación mediante unha resolución publicada polo Intecmar o pasado xoves.

As melloras supoñen que unha zona de produción marisqueira e outra de cultivo de moluscos en viveiros flotantes que tiñan clasificación B --os produtos extraídos tiñan que pasar por un proceso de depuración previo á súa venda--, pasan a ser A, co que o recurso extraído pode ser comercializado directamente a través dun centro de expedición. Estas zonas son a parte media da ría de Corcubión e o polígono de bateas A Pobra D, na ría de Arousa.

A elas engádense outras dúas zonas, catalogadas como C e que pasana ser zona B. Así, o produto que antes tiña que pasar por depuración natural mediante reinstalación en batea, agora poderá comercializarse directamente previo paso por unha depuradora. Aquí, as zonas que cambian son: o tramo da estrada PO-550 que dá acceso ao porto de Tragove e a desembocadura da canle de entrada á zona de Entre Canos, na ría de Arousa, e a enseada de Larache, na ría de Vigo.

Isto supón a mellora da clasificación microbiológica para 80 bateas e nunha superficie total de ao redor de catro millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros das confrarías de Fisterra, Corcubión, Cambados, Vilanova de Arousa e Arcade.

"Estes cambios facilitarán o traballo dos mariscadores ao reducir ou eliminar os prazos de depuración dos produtos extraídos e deberían redundar nun mellor prezo das súas capturas en lonxa", asegurou o Goberno autonómico.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, nunha rolda de prensa no Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), en Vigo.. MVR
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, nunha rolda de prensa no Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar), en Vigo.. MVR

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta