Os traballadores de Leite Celta en Pontedeume inician unha folga parcial indefinida

Acusan á dirección de non querer retomar as negociacións do convenio e tratar de amedrentar ao persoal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2022 | Actualizada ás 17:29

Comparte esta noticia

Os traballadores da empresa Leite Celta da planta de Andrade, en Pontedeume, iniciaron este luns, 31 de xaneiro, unha folga parcial indefinida para reclamar á dirección da compañía que retome as negociacións do novo convenio colectivo coa representación laboral.

A presidenta do comité de empresa, María Xosé Vizoso (CIG), detallou que "son paros de tres horas en cada quenda e están a ser secundados de maneira maioritaria, e veñen sumarse aos que xa protagonizou o persoal desde o 10 de xaneiro". Ata nove xornadas a produción paralizouse durante catro horas, de 12,00 a 16,00 horas.

A planta de transformación de produtos lácteos, pertencente ao grupo portugués Lactogal, tamén segundo asegurou Vizoso, desviou parte do traballo destas instalacións a outras, situadas en Santander ou Ávila, o que lle valeu para asegurar que mostran "actitude antisindical e ilegal durante todo o conflito, vulnerando de maneira continuada o dereito á folga, primeiro desviando e realizando o traballo que se debería facer en Pontedeume noutras fábricas do grupo".

INTIMIDACIÓN

A presidenta do comité de empresa tamén asegurou, en declaracións a Europa Press, que a "dirección de recursos humanos trata de intimidar aos traballadores sementando dúbidas infundadas sobre a legalidade da folga indefinida", o que a motivado unha denuncia nos xulgados ante "este comportamento empresarial inaceptable".

Desde a parte social faise un chamamento á dirección a que abandone a súa "insistente e irrealizable pretensión de establecer un sistema retributivo inaceptable, pois suporía por unha banda penalizar salarialmente ás persoas que enfermen ou que gocen de licenzas retribuídas e, por outra, condiciona o incremento económico a uns parámetros de produtividade nos que os traballadores afectados non poden incidir".

Ademais, para este mércores, día 2, os traballadores teñen previsto protagonizar unha marcha a pé, para dar unha maior visibilidade a este conflito, partindo sobre as 11,15 horas desde a planta e discorrendo ata o centro urbano de Pontedeume, onde se concentrarán ante o Concello.

Os traballadores de Leite Celta ante a entrada á empresa en Pontedeume (A Coruña).. CEDIDA
Os traballadores de Leite Celta ante a entrada á empresa en Pontedeume (A Coruña).. CEDIDA | Fonte: EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta