Sen acordo entre dirección e traballadores de Leite Celta despois do acto de mediación celebrado este venres

Segundo detallaron desde o comité de empresa, desde a dirección limitáronse a ofrecer un incremento salarial que non garante o poder adquisitivo dos salarios.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2022 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

A dirección e os traballadores da empresa Leite Celta, na súa planta de Andrade, en Pontedeume, finalizaron sen acordo o acto de mediación celebrado na mañá deste venres, 4 de febreiro, nun hotel da cidade da Coruña, a instancias do Servizo de solución de conflitos do Consello Galego de Relacións Laborais, tras a solicitude cursada pola patronal.

Segundo detallaron fontes sindicais, en declaracións a Europa Press, o encontro prolongouse durante dúas horas e media, e no mesmo non se alcanzou ningún acordo, xa que a empresa continúa sen acceder á fundamental das reivindicacións do persoal, un incremento salarial que garanta o poder adquisitivo, a retirada do incremento salarial variable en base ao absentismo, ás diminucións e á atención ao cliente, así como avances sociais contemplados na plataforma presentada pola parte social.

Segundo detallaron desde o sindicato CIG, que ostenta a maioría no comité de empresa, desde a dirección limitáronse a ofrecer un incremento salarial que non garante o poder adquisitivo dos salarios, mantendo o sistema de retribución variable que a representación social rexeitou na mesa, sen aceptar tampouco melloras en relación a xornadas, licenzas e horarios.

PROPOSTA

Pola súa banda, a representación sindical propuxo o traslado do incremento variable ao incremento fixo, crear unha comisión de estudo do absentismo para enfrontalo con medidas preventivas, organizativas e de conciliación, ademais de reivindicar a aceptación das propostas sociais da plataforma subscrita polo persoal.

A empresa solicitou tempo para poder estudar novamente a proposta do persoal, comprometéndose a dar resposta nunha nova reunión que terá lugar o vindeiro martes, 8 de febreiro.

Por tanto, os traballadores continuarán secundando a folga parcial indefinida, con paros de tres horas en cada quenda, de luns a domingo, e que supoñen unha paralización de ata nove horas por xornada á hora de elaborar produtos lácteos na planta asentada na comarca de Eume.

Mobilización dos traballadores de Leite Celta.
Mobilización dos traballadores de Leite Celta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta