Tempos Vega Sicilia aterra en Galicia para crear unha nova adega de brancos de Albariño

Estará en Crecente e xa están compradas 24 hectáreas de viñedo e terreos.

Por E.P. | Madrid | 07/02/2022 | Actualizada ás 17:20

Comparte esta noticia

Tempos Vega Sicilia anunciou a creación dunha nova adega, que estará situada nas Rías Baixas, para elaborar viños brancos con uva Albariño, cun investimento de aproximadamente 20 millóns de euros entre viñedo e adega.

Vendima nas Rías Baixas
Vendima nas Rías Baixas | Fonte: Europa Press.

En concreto, a adega construirase en Crecente e xa están compradas 24 hectáreas de viñedo e terreos, fundamentalmente en Condado de Tea, na parte alta do río Miño; na comarca do Salnés, ao redor de Cambados, O Grove e Sanxenxo; e no propio Crecente.

A decisión de abrir unha nova adega en Galicia foi tomada hai uns anos ao considerar que o Albariño é probablemente a gran variedade de viño branco española e a rexión de Rías Baixas ten unha personalidade única en España e no mundo.

"É unha rexión histórica e singular onde xa hai excelentes produtores; desta forma a familia cumpre o soño de elaborar un gran viño branco español", destacaron desde a firma.

O anuncio deste novo investimento coincide co inicio do 40 aniversario da compra de Vega Sicilia pola familia Álvarez o 15 de abril de 1982.

A nova adega en Galicia elaborará dous viños: Deiva, cunha crianza de dous anos, e Arnela, que será o branco premium da casa cunha crianza de tres anos.

A primeira colleita de Deiva está prevista para o 2023 e sairá ao mercado en 2025. O obxectivo é alcanzar unha produción total de 300.000 botellas cos dous viños, sempre en función da calidade das colleitas.

Respecto da entrada de Vega Sicilia en Galicia, o conselleiro delegado da adega, Pablo Álvarez, destacou a importancia de que recale unha adega como a súa na DO galega. "Que vaia unha adega famosa é bo para a zona, pero haberá que facelo ben e estar á altura desa rexión", resaltou Álvarez, quen engadiu que este non será o último proxecto da compañía, que non descarta o seu crecemento en España e a escala internacional.

A rexión, cuxa Denominación de Orixe foi creada en 1980, leva máis de mil anos cultivando a variedade Albariño, autóctona das Rias Baixas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta