Javier Villanueva, gandeiro de leite ecolóxico: "Agora as comercializadoras só che fan contratos de menos de 6 meses"

O presidente da Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico (APLE) asegura que "a maior parte do leite ecolóxico tamén se comercializa como o leite convencional, a través de empresas que o envasan en 'tetrabrick', de tal xeito que ao final o prezo base é o mesmo: no leite convencional hai un prezo base ao que despois, no caso do leite ecolóxico, se suma un sobreprezo".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 28/11/2024 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

O prezo do leite que se paga aos produtores galegos situouse en 45,8 céntimos por litro en setembro, un céntimo máis que o mes anterior, aínda que continúa a ser un dos peor pagados do país a pesar de supoñer o 40 % da produción a nivel nacional. Segundo o último informe de prezos publicado polo Ministerio de Agricultura, estes 45,8 céntimos son 2,2 céntimos menos que a media de 48 céntimos por litro do conxunto do Estado e están lonxe dos 51,1 céntimos da veciña Asturias. En comparación co mesmo mes de 2023, páganse 3 céntimos menos por litro que os 48,9 céntimos que se abonaban en Galicia fai un ano. Ante este panorama, os produtores que realizan entregas en Galicia proseguen á baixa, quedando en 5.353 en setembro, 30 menos que o mes anterior e 408 menos que no noveno mes do 2023. As entregas baixan a 245.096 toneladas na comunidade en setembro, un 3,8 % por debaixo das 254.798 do mes de agosto. Así, os gandeiros seguen asfixiados, cuns custes de produción que chegan a superar os ingresos polo leite xerado; e as explotacións seguen pechando progresivamente a cada ano que pasa.

Unha vaca leiteira, da raza bovina frisoa, nas instalacións dunha granxa
Unha vaca leiteira, da raza bovina frisoa, nas instalacións dunha granxa | Fonte: Isabel Infantes - Arquivo

Hoxe, dende o Galicia Confidencial, falamos con Javier Villanueva, presidente da Asociación de Produtores de Leite Ecolóxica (APLE), que nos dá conta dunha realidade que, no seu produto, aínda é menos alentadora se cabe. Esta asociación, fundada no 2019, é a única organización de produtores de leite ecolóxico que existe a nivel estatal, integrada por 28 produtores. Como explica Villanueva, "a maior parte do leite ecolóxico tamén se comercializa como o leite convencional, a través de empresas que o envasan en 'tetrabrick', de tal xeito que ao final o prezo base é o mesmo: no leite convencional hai un prezo base ao que despois, no caso do leite ecolóxico, se suma un sobreprezo". Deste xeito, as subidas e as baixadas no prezo base do leite que perciben os gandeiros afectan igual ás producións en ecolóxico que as convencionais, así como esa marcada diferenza entre o prezo de Galicia e o que perciben os gandeiros doutras comunidades. 

"NA CADEA ALIMENTARIA O ESLABÓN MÁIS DÉBIL SEMPRE É O PRODUTOR, AS COMERCIALIZADORAS TEÑEN MÁIS FORZA E PERCIBEN MAIORES BENEFICIOS"

Por iso, Villanueva lamenta que no sector alimentario sempre aconteza o mesmo: "Hai unha cadea alimentaria onde o eslabón produtor, por desgraza, é o máis débil, porque dende que o leite sae das instalacións do produtor ata que chega ao consumidor pasa por moitos intermediarios (transporte da granxa á empresa que o transforma, empresa transformadora, empresa de envasado, transporte ata os lugares onde se comercializa, comercializadora...), onde as comercializadoras teñen moita máis forza que os propios gandeiros e perciben maiores beneficios que o sector produtor". E tanto o leite convencional como o ecolóxico comercialízanse, xeralmente, a través das mesmas empresas. Con todo, semella que os malos ante os consumidores finais sempre son os gandeiros, cando, como reivindica o presidente de APLE, "non é certo" e, "moito menos, na porcentaxe na que sube", xa que "aos gandeiros ao mellor súbelles un par de céntimos o litro, pois tanto as subidas como as baixadas adoitan andar entre un e tres céntimos, mentres que no leite comercializado esa subida é de máis do dobre, pasando nalgúns casos mesmo de 45 céntimos a 52 céntimos por litro, por exemplo (7 de subida), triplicando así a subida que lle fixeron ao gandeiro".

E é que, ademais, hai que ter en conta que os contratos que firma un gandeiro coa empresa que vai tratar e comercializar o seu leite non son de longa duración, senón que cada vez son máis curtos. Villanueva indica que "os contratos fírmanse polo tempo que máis ou menos acorden o gandeiro e a empresa, pero o que agora está acontecendo é que cada vez esas empresas póñenlles contratos máis curtos, de tres ou seis meses, cando antes sempre eran dun ano". Así, reflexiona que "estamos nun momento de moitos cambios, cambios no custe das cousas en todos os sectores, polo que esas empresas queren contratos máis curtos para poder ter marxe de manobra", pero "eu creo que un contrato tan curto, e dende o meu punto de vista un contrato de menos dun ano de duración é un contrato curto, favorece máis á parte comercializadora que á parte produtora".

Vacas de leite
Vacas de leite | Fonte: XUNTA - Arquivo

"O LEITE DE PRODUCIÓN ECOLÓXICA ESTÁ AMPARADO POR UNHA GARANTÍA DE CALIDADE, UN REGULAMENTO EUROPEO QUE MARCA COMO DEBE PRODUCIRSE"

Así mesmo, no caso concreto dos produtores de APLE, Villanueva apunta que "a produción ecolóxica é unha produción que está moi relacionada co clima e o tempo que faga", xa que, "mentres que en producións de leite convencional podes facer cousas que che axuden a ir suplindo a falta de pasto en exterior, como dárlle máis concentrado e penso ás vacas para que estas dean máis leite, no caso da produción ecolóxica o tempo de pasto exterior das vacas está pautado por un regulamento europeo". Isto significa que, "se hai mal tempo e chove moito e non se pode sacar aos animais todo o tempo que estes precisan e que estipula a normativa, ou se non poden saír pastar a toda a superficie que ti pensabas que era a mellor opción nese momento, ou se te atopas ante un verán no que pasou moito tempo sen chover e non hai pasto fresco, tes problemas". Por todo iso, "a produción de leite ecolóxica é moito máis complexa que a do leite convencional", afirma o presidente de APLE. Ademais, no caso do leite convencional, "o consumidor pode elixir entre un montón de marcas, optar polo leite de pastoreo, e mesmo recorrer á marca branca se considera que o prezo se disparou moito".

Pero ao respecto, este gandeiro avisa de que "o leite de produción ecolóxica está amparado por unha garantía de calidade que é un regulamento europeo, que marca como ten que ser producido" e, aínda que moita xente pense que mercar leite que se anuncia como de pastoreo lle garante o mesmo, non é así, porque "ese leito esta producido baixo un prego de prescricións que se inventa unha comercializadora que certifica unicamente os parámetros que ela decidiu". Por exemplo, "o prego dunha determinada marca de leite de pastoreo pode dicir que as vacas teñen que saír unha hora ao día pastar, o cal é un tempo ridículo, dende o punto de vista da nosa asociación, pero para vender ese leite como de pastoreo para esa marca válelle". Con todo, para Villanueva, "non se pode comparar este tipo de leites de pastoreo con leites ecolóxicos que requiren de que as vacas salan pastar case todos os días do ano, a non ser que haxa unha nevada ou moito vento e choiva". "Iso si que é realmente un leite de pastoreo como tal", asevera, e a diferenza de prezo entre un e outro pode ser dun 12 céntimos, non máis.

"NON CREO QUE NINGUÉN PUIDERA DEIXAR DE MERCAR PRODUTOS ECOLÓXICOS PORQUE TEÑAN UN PREZO INASUMIBLE, O DIFERENCIAL NON É TAN GRANDE"

Dende que fundaron a asociación fai agora 5 anos, "o mercado mudou bastante, sobre todo nos últimos tempos, despois da pandemia, e mudou para todo o mundo, de tal maneira que ao final todos acabamos mercando o que nos ofrecen uns poucos supermercados", buscando aforrar o máximo posible, ante un prezo da cesta da compra disparado. Villanueva amósase consciente de que "hai unha subida moi grande do custe da vida, mentres que os salarios van por detrás", polo que, para a xente, pagar uns céntimos máis por un produto como pode ser a leite realmente faise complicado. Con todo, chama a concienciar á sociedade sobre que "o leite ecolóxico ten unha produción respectuosa co medio ambiente e boa para a saúde".

"Un leite como o que producen os nosos asociados non vai levar produtos como os que pode haber no mercado convencional e, se as persoas están realmente concienciadas con esa forma de actuar sobre o medio ambiente e o benestar animal, van considerar que ao mellor pagar eses 20 céntimos máis por un litro de leite vai ser mellor para toda a familia e tamén para as vacas que o producen, en lugar de empregalos, por exemplo, en tomarse unha caña". Así, reivindica que "realmente non creo que ninguén puidera deixar de mercar produtos ecolóxicos porque teñan un prezo inasumible, porque tampouco hai un diferencial de prezo tan grande entre o leite ecolóxico e o convencional".

"TEMOS BASTANTES GANDEIROS QUE SE ACABAN DE INCORPORAR AO SECTOR DO LEITE ECOLÓXICO E QUE ANDAN ENTRE OS 20 E OS 40 ANOS"

No tocante á falta de relevo xeracional que, tal e como amosan as estatísticas, está aqueixando máis a máis ao sector a cada ano que pasa, o presidente de APLE considera que no sector da produción do leite ecolóxico teñen unha inmensa sorte, porque "temos bastantes gandeiros que se acaban de incorporar ao sector e que andan entre os 20 e os 40 anos, polo que, tranquilamente, poden durar outros 25 anos na produción". Pero, "efectivamente, como no caso das explotacións de leite convencional, tamén temos produtores de máis de 60 anos que están a piques de xubilarse". Nestes casos, concede que "xa é cousa de cada caso concreto o que atopen remuda na casa ou non, de ver se os máis novos poden seguir con esa explotación de maneira rendible ou non".

Villanueva lembra que "no caso de Galicia as granxas adoitan ser negocios moi familiares", polo que tamén dependen para a súa continuidade de que os novos membros da familia queden na casa e non marchen. En caso de que iso non aconteza, para este gandeiro unha boa solución que en Galicia "vexo difícil polo medo que temos á terra", sería "que todos os produtores, tanto de leite convencional como ecolóxico, pensaran en poñer as súas granxas en aluguer cando xa non puidesen asumir a xestión da explotación". E é que este é un negocio que sempre terá futuro, porque "ao final a xente vai seguir bebendo leite e comendo queixo", polo que "se pecha esa porcentaxe de granxas que se estima que podería pechar nos próximos 10 anos, imos ter complicado seguir abastecéndonos de produtos de calidade, de produtos do noso país", reflexiona Villanueva.

Leite das vacas de Curtis
Leite das vacas de Curtis | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta